Unha comunidade bastante complexa habitou 600 anos o castro de Portomarín

C.L.?González

PORTOMARÍN

29 ago 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Despois de tres meses de traballo, o equipo encabezado polo arqueólogo Luis Francisco López deu por rematada a consolidación do poboado castrexo de Castromaior, en Portomarín. Nos vindeiros dous meses este especialista dedicarase a estudar o material e as pezas atopadas neste castro para poder recabar toda a información posible en canto ao período cultural concreto a que pertence este asentamento e cal foi a súa evolución ao longo dos 600 anos que estivo habitado. Cando toda esa información estea dispoñible será o momento de pensar na apertura ao público deste conxunto arqueolóxico, e mesmo na creación dun centro de interpretación, que albergue as pezas atopadas e ofreza información sobre o castro.

O proxecto que agora se está a desenvolver en Portomarín e que conta co financiamento do Xacobeo comezouse a xestar o ano pasado, cando o equipo deste arqueólogo empezou a realizar as primeiras sondaxes sobre a zona. Xa daquela se decataron de que se atopaban diante dun castro cunha grande potencia arqueolóxica, un poboado moi interesante que viría a cubrir un baleiro existente no lugar en canto a asentamentos deste tipo. Non obstante, iniciada a escavación en área e obtidos os primeiros datos, Luis Francisco López puido comprobar que as expectativas iniciais se estaban superando amplamente, xa que se trataba dun xacemento de 600 anos, en estado bastante virxe e cunha espectacular riqueza en canto aos restos, o cal resulta especialmente relevante tanto a nivel científico, como dende o punto de vista do atractivo turístico.

A falta de realizar o estudo dos materiais atopados, o arqueólogo encargado da escavación do conxunto arqueolóxico de Castromaior ten moi claro que nel se desenvolveu unha cultura castrexa moi complexa. O feito de ser un castro que non foi cultivado fixo posible que estea bastante selado nos niveis arqueolóxicos. Ademais, en todo o conxunto é posible apreciar a evolución vivida ao longo deses 600 anos de ocupación. En canto á comunidade que o habitou, antes da chegada dos romanos, tamén amosa certa complexidade. A ubicación nunha zona alonxada dos núcleos de evolución é outro dos factores que contribuíu á boa conservación deste castro, no que aínda perduran os camiños de acceso.

Polo que respecta aos resultados das escavacións, que afectaron unicamente a un dos seis recintos con que conta este castro, o persoal que estivo traballando neste asentamento conseguiu destapar unhas murallas de ata catro metros de altura e unha ducia de vivendas, a maioría das cales conservan completa toda a súa planta. Tamén foron abondosos os útiles da vida diaria dos poboadores deste asentamento que se atoparon a raíz das escavacións, que poden ter continuidade nun futuro, xa que a intención destes especialistas é poder obter aínda máis información nesta área.