O Concello de Sober alertou ás consellerías de Medio Rural e de Medio ambiente ante a praga que está a afectar desde hai algún tempo ás árbores do municipio, principalmente aos carballos, e pediu a colaboración destes departamentos para buscar unha solución ao problema. Os ataques, que parecen deberse na súa maior parte ao insecto Altica quercetorum , propagáronse considerablemente durante as últimas semanas e na actualidade, segundo os responsables municipais, están afectando xa ao 90% da poboación de carballos do municipio.
O goberno municipal recorda por outra parte que nos dous últimos anos xa se produciron situacións similares no territorio municipal, aínda que a incidencia que tivo entón a praga foron bastante menos acentuada que a que se está a rexistrar actualmente. «Os expertos daquela afirmaron que co inverno desaparecería, engadindo que o perigo chegaría se se repetía en anos posteriores, xa que debilitaría, en moitos casos mortalmente, a árbore afectada», explican desde o Concello.
Os responsables municipais consideran que a situación actual debe considerarse de emerxencia e cren que se non é atallada a tempo, a praga podería acarrexar a desaparición da totalidade dos carballos do municipio, ocasionando un incalculable dano ecolóxico, económico e paisaxístico. O Concello apremiou aos responsables das mencionadas consellerías a fin de que teñan en conta estas circunstancias e de que poñan canto antes en marcha actuacións para valorar o alcance da praga e para iniciar tratamentos de erradicación.