Federico Pérez encarna ao bedel Josito na serie de Voz Audiovisual
19 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.Josito disfruta da súa vida de casado aturando á súa sogra e convivindo como pode co alcalde de Louredo, que esta noite, en Padre Casares, volverá poñelo nalgún compromiso. O actor que está detrás do bedel sen praza de funcionario é Federico Pérez, que tamén intervén no programa de humor Era visto! e leva por toda Galicia a obra teatral O florido pénsil.
-¿Que tal lle vai a Josito a vida de casado?
-A vida de casado vai vento en popa. O problema é coa sogra, que é coa que xorden os conflictos, aínda que son simpáticos. É todo de boquilla...
-¿E a relación co alcalde?
-Desde que volveu de Canarias, Josito volve ser a súa man dereita. O del é ese papel de case funcionario, porque segue sen a praza, e de home de confianza.
-No capítulo desta noite anda o concello alborotado pola proposta de facer un Nadal laico...
-O conflito xorde entre o alcalde e o cura vello. Delmiro quere fomentar un Nadal laico e ten de altavoz a Josito, que ao final é o que se ten que mollar e dar a cara. El pon a Josito de parapeto e este convértese en diana das iras de todo o mundo.
-¿É este o seu papel máis importante?
-Josito foi o espaldarazo de cara ao público. Eu síntome moi orgulloso, porque é o máis entrañable e valeume para coñecer xente e facer moi bos amigos. Ao contrario que na ficción, con Morris teño unha boa amizade.
-Sempre se di que Louredo triunfa porque é unha prolongación da realidade. ¿Hai algunha outra clave?
-Que están todos un pouco tolos. Hai ese punto de loucura, de surrealismo, que une a todos os habitantes de Louredo. Ao principio o cura Don Horacio marcaba un pouco de distancia, pero creo que ao final acabaron eles converténdose á nosa relixión, en lugar de nós á deles.