Roberto Vilar: «Por primeira vez teño tempo para traballar no meu proxecto»
TELEVISIÓN
Cuatro finaliza a produción do concurso de Roberto Vilar unha semana despois da cancelación de «Land Róber»
01 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.Hai unha semana, TVG emitiu o último programa de Land Róber, presentado por Roberto Vilar, despois de que a canle autonómica (que hoxe programa un especial) decidise non renovarlle o contrato. Onte, Cuatro anunciou que abandona a produción do seu concurso de tarde Salta a la vista, que desde o 7 de novembro conduce o showman e humorista galego. O espazo recibiu unha discreta acollida por parte da audiencia e non superou o 3 % de cota de pantalla. Os programas xa gravados seguiranse emitindo en Cuatro ata finais de decembro e despois Roberto Vilar estudará plans concretos para o seu futuro nas canles de Mediaset.
-¿Como leva pasar de ter traballo en dúas canles a perder os dous programas en cuestión dunha semana?
-En televisión estamos afeitos a este tipo de cousas. O da TVG xa foi como foi... Aquí, en Mediaset, como se trata dun proxecto de longo percorrido, tomo as cousas doutra maneira. Eles están tranquilos e confían en min.
-¿Que pasou con «Salta a la vista», que non logrou atraer aos espectadores?
-Supoño que serán moitas cousas. As tardes de Cuatro están tendo problemas de audiencia. Pero de momento o concurso non se deixa de emitir. Só deixamos de gravar e, en función de como funcione de aquí a xaneiro, decidirase se seguimos co programa o xa pasamos a outra cousa.
-¿E esa outra cousa será xa un espazo so para vostede, máis á súa medida? ¿Un «Land Róber» de ámbito nacional?
-A idea é arrancar unha cousa máis tipo personality o ano que vén, algo máis de humor, non sei se tipo Buenafuente. En Mediaset teñen confianza en min. É a primeira vez que me pasa isto de ter tempo para traballar e eu confío no meu proxecto. E se ao final non sae ben, polo menos había que intentalo. Pero aí estaremos, Galicia contra o mundo acabará triunfando.
roberto vilar presentador