«É un traballo arduo interpretar un papel creado por outro actor»

Sandra Blanco

TELEVISIÓN

Gonzalo Rey Chao incorporouse a «Padre Casares» para poñerse na pel de don Crisanto, un cura tradicional e conservador

15 jun 2008 . Actualizado a las 02:19 h.

Non é a primeira vez que ten que vestir a sotana e poñerse na pel dun cura. Tras a marcha por problemas de saúde de Tuto Vázquez, Gonzalo Rey Chao interpreta o papel de don Crisanto en Padre Casares. A serie de Televisión de Galicia producida por Voz Audiovisual proxecta mañá o último capítulo da tempada, aínda que os actores xa están traballando nos guións da nova etapa, que se emitirá a partir de setembro.

-Pese a que a serie marcha de vacacións durante o verán, xa están traballando na próxima tempada.

-Xa recibimos os guións porque as datas se nos botan enriba. A mediados do mes de xullo comezaremos a rodar os seguintes 26 capítulos.

-Interpreta ao novo don Crisanto, ¿é difícil poñerse na pel dun personaxe creado por outro actor?

-É un traballo arduo e difícil. Cando Tuto Vázquez tivo que deixar a serie os guionistas tiñan previsto a chegada dun irmán para darlle saída á falta de don Crisanto. Pero a cousa precipitouse e acordaron a substitución. En principio asustoume moito. Non era fácil, ¡era un marrón! Tuto, un actor de gran profesionalidade, creara uns trazos esenciais que á hora de substituílo o perigo era chegar a desvirtualo.

-¿Como é don Crisanto?

-É un personaxe rico en matices e entrañable. Intentei aproximarme a el, pero dubido que o conseguise. Puxéronmo moi difícil porque era unha pena apartar a un personaxe así. Non quixera estragar o traballo do meu amigo Tuto Vázquez, do que agardo e desexo a súa pronta recuperación. Incluso aproveito para enviarlle un bico. El creou a un cura tradicional, conservador, e ao mesmo tempo bondadoso e sincero. Pero cando a auga non lle vai ao río convértese nun túzaro. Ademais engádese a fantástica retranca que Tuto lle soubo dar.

-Incorporouse unha vez consolidada a serie, ¿como foi a acollida?

-De momento os índices de audiencia mantéñense nun 30%. Aínda que levo as de perder porque na retina dos espectadores está o actor anterior e os seus trazos propios que se engaden ao personaxe. Na medida en que me vaia sentindo cómodo con el irei incorporando os meus trazos. De momento non teño máis que recrealo.

-Porque non é a primeira vez que vostede fai de cura.

-Non sei que pasa que sempre me toca. En Doentes , de Roberto Vidal Bolaño era un cura tolo que quería matar a Franco. E despois en Terra de Miranda don Amador era un cura máis intelectual e cultivado, aínda que tamén pelexaba co divino e co humano. Don Amador e don Crisanto comparten a carraxe e mala leche. Quizais don Crisanto teña un perfil máis tenro.

-Mañá emítese o último capítulo da tempada, ¿que nos pode adiantar?

-É mellor que o espectador se vaia sorprendendo a medida que a trama avanza. É importante porque se trata dunha serie costumista en clave de humor, que boa falta fai nos tempos que corren arrincar un sorriso aos espectadores. Só direi que veremos a un don Crisanto que non se morde a lingua ante o bispo para queixarse do novo cura de Louredo.

-¿E que sucederá en Louredo despois do verán?

-De momento só me adiantaron que a emisión de Padre Casares se retomará no próximo mes de setembro.