O futuro do PSdeG-PSOE

José Luis Méndez Romeu

GALICIA

03 ene 2012 . Actualizado a las 06:00 h.

As últimas derrotas electorais, contundentes, están provocando un debate sobre as causas e sobre as alternativas, tanto estratéxicas como programáticas, para recuperar apoio electoral. Tamén sobre a renovación de dirixentes. As ideas xerais están claras, as concrecións menos. Consolidadas as liberdades civís e o Estado de benestar, obxectivos tradicionais, a socialdemocracia europea atopa dificultades para enfrontar a nova axenda do conservadorismo internacional: deslocalización, desregulación, globalización, revisión da igualdade, ditadura dos mercados, etcétera.

España e Galicia están nesa encrucillada. Benestar si, pero tamén sostenibilidade dos elementos básicos, pensións, sanidade, educación. E ademais, calidade nos servizos públicos, fiscalidade axeitada, racionalización das Administracións públicas, compromiso coa transparencia e contra a corrupción. Superar as contradicións entre política territorial e política estatal, en financiación e competencias. Modernizar a política fiscal. Sen esquecer que compre ter moi presente a política comunitaria, da que somos máis dependentes que nunca.

Un programa básico debería apelar menos ao poder institucional e máis a capacidade da sociedade civil. Porque a estratexia demanda ampliar a base electoral, tanto pola esquerda, hoxe atomizada como polo centro sociolóxico, incorporando as inquedanzas e respostas que demandan moitos sectores sociais: traballadores progresivamente precarizados, parados, xóvenes, profesionais, pequenos empresarios e autónomos. E sobre todo pensamento urbano, diverxente, creativo. Achegarse á sociedade significa listas electorais abertas, eliminación de organismos redundantes como deputacións e Senado, modernización e racionalización dos concellos, principios éticos claros. E un partido menos hermético, máis democrático, menos baseado na adhesión aos dirixentes e máis no debate e contraste de propostas. E sobre todo máis presente na sociedade e menos preocupado polas posicións de poder internas.