A seca que non cesa

Francisco Díaz-Fierros

SANTIAGO CIUDAD

22 oct 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

evamos desde abril e ata o día de hoxe cuns valores de precipitación moi por baixo dos habituais para esta zona. Se utilizamos os datos do observatorio da Universidade de Santiago e comparamos a chuvia que se recolleu desde abril ata setembro (242 mm) coa serie desde 1906, atoparemos que só se deron valores máis baixos en 1921 e 1926 e similares en 1955 e 1990. Pero, se se ten en conta que outubro está a pasar sen pinga de auga e só se agarda que para a última semana cheguen as precipitacións, se estas non superasen os 40 mm atopariámonos con que estaría a producirse a seca do século.

Esta seca meteorolóxica tradúcese en seca hidrolóxica cando consideramos os recursos hídricos superficiais e subterráneos. Neste caso, as nosas arterias principais, como lle sucede ao Miño, amosan uns valores moderados de seca (máis ou menos equivalentes a unha frecuencia de aparición dunha vez cada dez anos) como consecuencia da grande importancia que teñen nos nosos ríos a auga de orixe profunda. Isto permite que a incidencia das secas meteorolóxicas sexa moito menor ca nos pequenos ríos, onde si se está a notar con preocupación o descenso dos niveis. O mesmo sucede cos pozos e mananciais, que van procurar as súas augas nos pequenos acuíferos que proliferan por todo o país pero que teñen moi pouca capacidade de resistencia ás secas prolongadas.

A seca agronómica, a que se está a notar máis, vai depender da reserva en auga do solo, que este ano está practicamente esgotada desde xullo. Un exemplo dos problemas que xera no agro témolo nos prados galegos. Habitualmente teñen dous máximos de produción: un en primavera, o máis importante e que este ano rendeu dun 30 a un 50 % menos do que é normal; e outro en outono, que case se perdeu. O millo tamén sufriu o seu e só aquelas terras con rega garantida puideron superar a seca sen grandes perdas. Pero estes non son os únicos problemas do agro. O gando, que precisa da orde de 100 litros diarios de auga por cabeza, cando a explotación se abastece de pozos, como é frecuente, padece tamén o problema da falla de auga. E os incendios, que seguen a ser triste noticia neste outono noso, atopan unha das súas causas principais nesa vexetación murcha e sedenta que deixan os solos sen auga.

Galicia, o país dos dez mil ríos cunqueiráns, caracterizouse desde sempre por unha certa seca nos veráns. Que agora se estea agudizando e dando orixe a problemas é a gran cuestión que nos estamos a formular todos. De momento, os datos non parecen falar desa tendencia, cando menos dun xeito claro. Porén, as proxeccións que se fan nos grandes centros internacionais para esta zona xeográfica falan dun descenso das precipitacións nos veráns e para a fin de século do 20 ou 25 %. Algo que se debería ter moi en conta para actuar en consecuencia.

L