Jesús Vázquez: «Foi irresponsable reducir o horario lectivo dos mestres»

Elisa Álvarez González
elisa álvarez SANTIAGO / LA VOZ

EDUCACIÓN

O conselleiro de Educación asegura que todos os inicios de curso son conflitivos

09 sep 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Milleiros de docentes saen hoxe á rúa para protestar polo aumento da carga lectiva. O responsable do departamento educativo está tranquilo. Di que os profesores entenden a medida.

-¿É o inicio de curso máis conflitivo do seu mandato?

-Todo inicio de curso é conflitivo. Este ten un agravante, a situación económica que estamos vivindo. Se adoptar decisións e xestionar un sistema como o educativo xa é complicado, nesta tesitura moitísimo máis.

-Vendo a situación económica, ¿están sendo insolidarios os profesores?

-Os profesores están a entender a medida. Entendemos que temos a obriga de aumentar de 21 a 25 as horas lectivas dos mestres porque iso vai supoñer 60.000 horas máis de traballo á semana a disposición da comunidade educativa. Non podo falar de insolidariedade por parte dos profesores, penso que son altamente profesionais e na inmensa maioría vocacionais. Nese sentido só podo ter agradecemento. Máis difícil de entender é o comportamento das organizacións sindicais, que ademais utilizan datos erróneos.

-¿Que datos?

-Datos nos que din que a consellería reduciu o seu orzamento, e inclúen o capítulo de persoal, que tivemos que recortar por orde do Goberno central polo desconto salarial do 5 %.

-¿Por que non se dixo dende o principio que era unha cuestión de optimizar recursos?

-Dende o primeiro momento se dixo que era para mellorar a atención educativa e para optimizar recursos, ao mellor a percepción é distinta. A decisión de reducir a carga lectiva dos mestres adoptouse no 2007, onde xa había unha crise, e entendo que ese acordo non se debeu de adoptar.

-¿Foi unha irresponsabilidade?

-Foi irresponsable reducir a carga lectiva aos mestres porque é unha medida que tivo un custe de 60 millóns de euros en catro anos, e non supuxo un beneficio nos resultados educativos, xa que no bipartito incrementouse o abandono escolar. Pero non é responsabilidade do profesorado, senón unha irresponsabilidade do anterior Goberno.

-¿Comparte as declaracións do director xeral de Centros de que os docentes ían para a casa nas horas que agora incrementan?

-O profesorado cumpría a normativa. Cando había 21 horas lectivas, outras 2 eran de dinamización e outras 2 de libre disposición, por tanto o profesorado podía irse nesas dúas horas.

-¿Vaise reducir profesorado?

-Aínda non temos datos definitivos, é moi cedo aínda.

-¿Hai centros con exceso de plantilla?

-Si é certo que nos atopamos con algúns centros, bastantes, con máis profesores dos que lle corresponden por catálogo.

-¿Hai que axustalos?

-Haberá centros onde é necesario estar por enriba do catálogo, e haberá centros onde haberá que axustalo. Hai que analizar caso por caso.

jesús vázquez abad conselleiro de educación e ordenación universitaria