O rexedor di que non ten nada do que temer pola operación Orquesta
03 feb 2011 . Actualizado a las 06:00 h.Xosé Manuel Traba Fernández (1966) mantivo onte un día de traballo normal. Foi a norma que se impuxo dende primeira hora da mañá, deixando atrás dous días intensos que sumaron a detención, pasar a noite no calabozo da Coruña e a declaración ante o xuíz. Saíu libre, sen fianza e con cargos. Precisamente, sobre o proceso declina facer declaracións, e o que se encarga delas é o seu avogado, Xosé Luis Gutiérrez Aranguren. Este manifestou onte que, ao non saberse de que se lle acusa exactamente ao alcalde (tampouco aos dous compañeiros de grupo que correron a mesma sorte), decidiu non declarar ata que se coñeza o sumario, algo que pode tardar aínda un mes. Polo demais, sobre a súa situación persoal, Traba falaba relaxado e tranquilo.
-¿Que tal está de ánimo?
-Ben, estou tranquilo. A verdade, eu tiña máis preocupación polos meus compañeiros que por min, polas circunstancias familiares, pero non porque teñamos nada de que preocuparnos.
-¿A tranquilidade inclúe o seu estado procesal? O xuíz fala de prevaricación, suborno ou tráfico de influencias.
-Eu estou tranquilo porque son inocente.
-¿Que opina de todo o despregamento policial?
-A experiencia, en conxunto, foi desagradable, porque non sabes que pode ocorrer, non sabes por que pasa iso ou que pode acontecer. Eu tiña claro que non había nada do que temer.
-¿O rexistro foi moi amplo?
-O que levaron foron expedientes de obras, algo que non tiña que durar máis de dez minutos, pero tardaron máis porque miraron nos ordenadores.
-¿Preocúpalle algo que houbese nesa documentación?
-Nada. É que non hai nada que ocultar.
-¿Que fixo onte no Concello?
-Traballar. Saín só un momento a Corcubión por un tema relacionado con todo este proceso, pero o resto do tempo estiven no meu despacho, mirando asuntos, falando coa xente. Normalidade total.
-¿Recibiu moitos apoios?
-Moitos, dende o primeiro momento. Xa o mesmo día do rexistro os funcionarios e traballadores municipais esperaron para saír ata que o fixemos nós, moito máis tarde da hora habitual. Foi un xesto, pero un de moitos. A verdade é que non teño nada que obxectar, o respaldo foi total. Incluso de xente que eu non esperaba que o fixera. Creo que imperou a sensatez.
-¿Tamén pola rúa?
-Si, non había máis que ver a resposta de onte. En Fisterra, a xente ten a sensación de que se cometeu unha inxustiza, a maioría apóianme. Todo iso axuda a que teña un estado de ánimo alto, a pesar de todo o que pasou.
-¿E a experiencia de durmir no calabozo?
-Home, é algo desagradable, pero polo menos foron poucas horas. É unha práctica que é normal nestes asuntos e tela que asumir. O trato dos policías na Coruña, por certo, foi magnífico, correcto e educado.
-¿En que situación queda agora?
-Teño que firmar dúas veces ao mes ante o xuíz de paz de Fisterra, que está no mesmo consistorio, e estou á espera de coñecer de que se nos acusa. Polo demais, a miña rutina non cambia e seguirei traballando.
josé manuel traba fernández alcalde de fisterra