«O ambiente entre os profesores é que imos seguir traballando máis ou menos como o facíamos antes»
GALICIA
Pequenos problemas coa vacante dun profesor, obras que rematan... Os equipos directivos ultiman os detalles para un comezo de curso que terá un protagonista indiscutible.
-Houbo que reorganizar a lingua das materias para aplicar o decreto do plurilingüismo. ¿Xerou isto malestar?
-Houbo malestar, haino e seguirao habendo. O propio Consello Escolar se ten manifestado de forma rotunda, dicir que as Matemáticas impartidas en galego implican unha dificultade é aberrante, porque o vocabulario científico técnico é moi semellante en todas as linguas. Nós fomos precursores en incorporar materias noutras linguas, así que sabemos o que é o plurilingüismo.
-¿En concreto que aspectos molestan máis aos docentes?
-O feito de que o alumno, sexa cal sexa a lingua da materia, se poida expresar noutro idioma é unha forma de desautorizar ao profesorado mesmo dende o punto de vista pedagóxico. Dende a LOXSE, na educación se fala de ensino por competencias, é dicir, non hai que avaliar nunha asignatura só esa materia, senón todas. Iso quere dicir que eu teño que avaliar a comprensión oral e escrita en galego dun alumno se imparto Coñecemento do Medio, por exemplo, que se da en galego. Se o alumno fala e se expresa en castelán, ¿non o avalío? É obrigarnos a traballar de maneira contraria ao que marca a LOE, a lei actual.
-¿Haberá profesores que dean as súas clases en galego pese ao que di o norma?
-Sobre todo é moi significativa a actitude dos pais, que en moitos casos son os máis insubmisos, e de feito moitos non se preocupan por mercar os libros de Matemáticas en castelán porque saben que os hai en galego. O ambiente entre os profesores é que imos a seguir traballando máis ou menos como o facíamos antes. Uns dino máis claramente e outros menos.