«Un problema desta dimensión no se arranxa só con medidas políticas, hai un factor cultural»
GALICIA
Economista, politólogo e avogado, Manuel Blanco Desar estase a converter nunha das voces que máis insisten na grave crise demográfica galega. «Non é bo medirse co que acontece en España porque é como comparar dous enfermos», precisa. E engade: «Europa xa ten un problema poboacional, e nós estamos na cola».
Interrogado sobre as razóns que explican por que non ten esta cuestión prioridade na axenda política, Blanco Desar móstrase irónico. «Non está aquí na axenda nin tampouco no resto do Europa; unha crise destas dimensións non se arranxa só con medidas políticas, hai un factor cultural, require visión a longo prazo, períodos que exceden os ciclos políticos», insiste.
En contra da tese que sosteñen algúns economistas, que atribúen a baixa natalidade á precariedade laboral e aos baixos salarios, Blanco Desar fala dun problema cultural. «Cando digo que non é un problema que se arranxe só con medidas políticas refírome a que isto hai que tratalo como se abordou o ecoloxismo ou o cambio climático, concienciar á xente; temos datos que nos din que en estratos máis altos de renda a fecundidade, lonxe de aumentar, baixa; o norte de Portugal, cuns niveis similares de riqueza, ten un nivel de fecundidade máis alto que o de Galicia. Estamos ante factores culturais que é preciso cambiar, como pasou co ecoloxismo».
Este experto lembra que hai trinta ou corenta anos se tiña unha conciencia sobre o respecto ao medio ambiente que nada ten que ver co grao de implicación que existe hoxe. Nese sentido, advirte de que, se continúa esta tendencia -como é máis que previsible-, «non tardaremos en ter unha estrutura poboacional completamente insostible, cun nivel de gasto social, sobre todo na sanidade, que será inviable», di. E engade de xeito rotundo: «Non é ser alarmistas, pero está en xogo o futuro de Galicia».