«Tomei posesión no 69, pero xa non recordo que día nin o mes»

M. CH.

CENLLE

O alcalde máis veterano de Galicia dise «algo canso» da política e anuncia que a deixa no 2011, nunha decisión «sen volta atrás»

18 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Das 1.431 persoas que residen no concello ourensán de Cenlle, tres de cada dez naceron cando o seu actual alcalde, Manuel García Montero (PP), xa era tal. Non entanto, coma el non hai en Galicia hoxe, en ningunha das Administracións, político algún que leve máis tempo ocupando un mesmo cargo institucional: 41 anos.

Nacido o 23 de maio de 1937, mestre de profesión e tamén presidente da Cooperativa Vitivinícola do Ribeiro, o rexedor anuncia para maio do 2011 a súa retirada dun mundo ao que chegou da man de Franco e abandonará a cabalo dunha chea de maiorías absolutas en eleccións democráticas.

-Puxérono a gobernar Cenlle en 1969. ¿Como recorda aquel día?

-Tomei posesión no 69, pero, a verdade, non me pregunte que día nin o mes porque xa non o lembro. Foi un acto normal, da época. Despois de tres anos sendo concelleiro, insistíranme moito en que asumira o posto e, ao final, accedín. Nunca pensei que fora para tanto tempo.

-E foi. 41 anos de mandato. ¿Non cansa?

-Si, estou algo canso, aínda que conservo a ilusión dos inicios, a satisfacción de solucionar problemas á xente. E sempre queda algo por facer: unha pista, un saneamento, un colexio?

-Xa que logo, desta volta tampouco ten pensado marchar.

-Si, si. Xa o teño dito máis veces, pero agora si que o deixo de verdade, definitivamente. É unha decisión sen volta atrás. As do 2007 foron as miñas últimas eleccións.

-Daquela obtivera seis de nove edís posibles, outra maioría absoluta. Terá á oposición amargada?

-Seis agora, pero cheguei a ter máis: sete, oito e mesmo nove. Os da oposición son boa xente e, a maioría, antigos alumnos meus. Dialogamos bastante e tentamos chegar a consensos.

-Un terzo dos seus administrados non coñecen máis alcalde que vostede. ¿Cal é a clave do éxito?

-Penso que estar ao servizo da xente, obrar con humildade, e a sinxeleza, que é a base de todo. Aínda que, coma os demais, teño os meus defectos, ao longo deste tempo sempre mantiven as portas da casa abertas as 24 horas para calquera. Nunca deixei de atender a ninguén, xamais.

-Xa terá cambiado o xeito de proceder de aquela época a esta?

-Mire, daquela practicamente non había medios económicos. Lembro ter pasado tempo indo polas aldeas poñendo eu as luces cunha escaleira. E hoxe iso é impensable. Con todo, a miña forma de actuar, no fondo, non variou moito do 69 a este 2010.

-Faga vostede memoria e escolla dese período tan longo só un éxito e un fracaso.

-Do que eu me sinto máis orgulloso é de ter atendido a todo o mundo con amabilidade, simplemente. Con orzamentiños, fun conseguindo para os pobos auga, luz, teléfono, sanidade e outros servizos, si, pero máis que das obras estou satisfeito da actitude. Marcho coa mágoa de non ter feito unha casa consistorial como Deus manda, agrupando as dúas oficinas municipais que temos na parte alta e na baixa de Cenlle. Faltoume decisión para resolver onde construír o edificio. Se o facía nun sitio, os do outro protestarían, e viceversa. E, por non amolar a ninguén, non din o paso que debía.