Nas cidades fálase máis castelán

LUGO CIUDAD

Só un terzo dos habitantes das sete urbes teñen no galego a súa lingua habitual, fronte ao 56% que se declaran galegofalantes no conxunto da comunidade

18 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Nas sete principais cidades galegas o castelán é a lingua que a maioría dos seus habitantes escollen para comunicarse habitualmente. Segundo a enquisa de condicións de vida das familias que divulgou esta semana o Instituto Galego de Estatística (IGE), as porcentaxes de cidadáns que teñen no castelán o seu idioma cotiá supera ao galego en todas as localidades, agás Santiago. En Ferrol, o 81% dos enquisados falan sempre en castelán ou máis castelán ca galego, porcentaxe que no caso de Vigo sitúase no 74%, e no da Coruña, no 72%. En Pontevedra a proporción é do 68%, mentres que Lugo e Ourense achéganse a unha posición máis equilibrada, con 52 e 53%, respectivamente. Santiago é a única das sete cidades nas que o galego é maioritario, o idioma habitual do 53% dos enquisados. Estes datos corresponden ao ano 2008.

Tomadas en conxunto, nas sete cidades falan galego de xeito frecuente algo máis dun terzo dos seus habitantes (36%), unha proporción moi por debaixo da media da comunidade, que, segundo os datos do IGE, estaba no 56% no 2008, despois de baixar dunha porcentaxe do 61% no 2003. En termos numéricos, Vigo é a cidade con máis galegofalantes (67.200), pero tamén con máis castelanfalantes (204.300). Na Coruña empregan habitualmente o galego 62.000 persoas, mentres que 167.500 se expresan en castelán.

Pero esta alta proporción de persoas que optan polo castelán non se traduce nun descoñecemento do galego. De feito, as porcentaxes de enquisados que responderon «pouco ou nada» con respecto ao seu coñecemento da lingua están arredor do 7%, aínda que é rechamante o 12,8% de Vigo. As proporcións dos que din que saben falar galego tamén son altas, arredor do 82% nas sete cidades, habilidade que baixa cando chega o momento de escribilo. En consecuencia, o castelán é, por abrumadora maioría, a lingua de preferencia na escrita, chegando mesmo ao 96,4% en Ferrol.

En consonancia co seu predominio como lingua habitual, o castelán é o idioma no que moitos habitantes das cidades aprenderon a falar. É maioría en Ferrol, A Coruña, Pontevedra e Vigo, mentres que en Santiago, Lugo e Ourense é o galego a primeira lingua. Destes datos despréndese que só un cuarto dos residentes nas sete cidades aprenderon a falar nos dous idiomas.

Castelanización

Historicamente, as cidades viviron un proceso de castelanización moi profundo vinculado á presenza do Estado e os poderes, segundo o sociolingüista Gabriel Rei-Doval, profesor da Universidade de Wisconsin e autor do estudo A lingua galega na cidade no século XX (Xerais). Neste traballo, sostén que mudou considerablemente a identificación do galego como lingua rural e o castelán como sinónimo de medio urbano. Na presentación do libro, Rei-Doval explicou que nos últimos trinta anos nas cidades avanzou considerablemente a percepción social do galego: «Quizais agora haxa menos falantes, pero os que o fan son máis leais e máis competentes». Para este experto, que haxa xente que non fale galego habitualmente non significa que estea en contra da lingua.