O número de galegofalantes baixa, pero segue a manterse maioritario

GALICIA

A porcentaxe dos que empregan habitualmente este idioma descendeu do 61% do 2003 a un 56,4% no 2008

16 abr 2010 . Actualizado a las 09:27 h.

O emprego habitual da lingua galega baixou nos últimos anos. Segundo os datos da enquisa de condicións de vida das familias, que o Instituto Galego de Estatística (IGE) fixo públicos onte, a porcentaxe de persoas que sempre falan en galego descendeu dun 43% no 2003 ao 30% do 2008. Ese 13% de usuarios habituais propicia que medren os que empregan máis galego ca castelán (de 18,2% no 2003 a 26,4% no 2008) e os que optan por máis castelán ca galego (de 18,7% a 22,5%). A porcentaxe dos galegos que se expresan sempre en castelán tamén subiu lixeiramente, dun 19,6% a un 20,1%. Malia esta baixada xeneralizada -a máis acusada, a da provincia de Lugo, cun descenso de 18 puntos-, a meirande parte da poboación fala habitualmente en galego, unha porcentaxe do 56,4%, segundo a enquisa, aínda que no 2003 se situaba no 61,2%.

Parte desa baixada explícase por razóns demográficas -a maior proporción de galegofalantes dáse entre a xente de máis de 65 anos- e polo trasvase de falantes entre as dúas linguas. Do traballo do IGE despréndese que arredor de 126.000 galegos cambiaron de idioma. Uns 47.000 substituíron o predominio do castelán polo do galego, mentres que a viaxe inversa fixérona 67.856 persoas; nos dous casos a principal razón foi unha decisión persoal, seguida por motivos profesionais. De feito, no ámbito laboral, segundo os datos do 2008, o galego e o castelán ocupan unha posición semellante nas relacións entre compañeiros ou con clientes.

Asimetría

Onde si se atopa unha asimetría notable é no uso da lingua en función da idade. A última enquisa do IGE volve constatar a tendencia de que a maior idade, máis galegofalantes. No 2008 falaban habitualmente en galego o 52,9% dos maiores de 65 anos, porcentaxe que mingua a medida que descende a idade ata o 15,3% entre os rapaces de 5 a 14 anos. Do mesmo xeito, neste tramo o predominio do castelán é maioritario, lingua que vai perdendo peso cantos máis anos teña o falante.

Iso si, que a mocidade prefira expresarse habitualmente en castelán non significa que non coñezan ben o galego. O 45% dos rapaces de 5 a 14 anos e o 59,6% de persoas entre 15 e 29 responderon cun «moito» á pregunta sobre o ben que saben falar o galego. En realidade, en todas as idades as porcentaxes de quen di saber pouco ou nada galego son moi minoritarias. O galego din que o entenden moito un 66% da poboación, 15 puntos menos con respecto ao 2003, e bastante un 28,8%, fronte ao 16,1% de cinco anos antes; os que responden pouco ou nada son un 5,2%. Tamén descenden as persoas que saben falar galego ben, de 67,9% a 54,1%, pero, en cambio, medran os que o saben falar bastante, de 21,6% a 35%. Ademais, estes patróns repítense na capacidade para escribir.

Os principais medios para aprender a falar en galego son a familia e a escola, esta última de forma predominante entre a mocidade. A enquisa apunta a que no 2008 existía un certo predominio do galego no ensino regrado: o 46,6% recibían as clases maioritariamente en galego, fronte a un 32,8% que o facían en castelán. A porcentaxe de todas en galego era do 14,3%, mentres que as de todas en castelán era só do 6,3%. Na escola tamén se escribía máis en galego ca en castelán, pero esta proporción modifícase a favor do castelán na relación cos profesores, mentres que cos compañeiros é esta segunda lingua a que ten moita máis presenza. En xeral, o galego ten maior uso nas aulas dos alumnos de 5 a 16 anos; a partir de aquí descende notablemente a favor do castelán, malia medrar porcentualmente con respecto aos datos do 2003.