«Puido haber erros en certas decisións do bipartito, pero nós non fomos á Xunta a crear redes clientelares»
GALICIA
Respecto a posibles equivocacións no seu paso pola Xunta, di que «non é tanto a percepción de ter fallado, como algúns sensabores que quedaron».
-¿Por exemplo?
-Quizais o principal fora a oposición virulenta que fixeron algúns construtores contra as Normas do Hábitat ou plan sectorial de vivenda co que buscabamos a utopía de facer espazos urbanos amplos, máis agradables para vivir.
-Son tempos para o pragmatismo máis que para a utopía.
-Pois é importante a utopía na política, e na vida. Galeano dicía que a utopía servía para camiñar, para dar pasos e acadar horizontes. A nós valeunos para chegar ás Normas do Hábitat e acabar coa trapallada de 1992.
-¿Teme que se poda derrogar ou revisar todo iso?
-Non. Poderán modificar ou matizar o que queiran en favor da especulación, pero vai quedar constancia de que foi posible facer outro urbanismo.
-¿Non cre que dende algunhas parcelas do Goberno o BNG actuou con certa soberbia?
-Non, traballouse coa ilusión de facer cambios rápidos e quizais algunhas cousas non se explicaron ben.
-Bailes cos maiores, carretaxes a mítines. O propio Touriño dixo que o Bloque tentou crear unha rede clientelar.
-Puido haber algún erro en certas decisións, pero os nacionalistas non fomos á Xunta a crear redes clientelares. Non se pode confundir o que puido ser algunha actitude persoal reprobable coa colectiva.
-¿Vostede tampouco leu o informe sobre as caixas do instituto que dirixe Quintana?
-Non tiven esa curiosidade.
-Pois desaconsella a fusión que reclama o Bloque.
-Xa, pero o IGEA non é o Bloque, aínda que estea presidido polo anterior portavoz nacional.
-¿Como se garante a galeguidade das caixas?
-Como deputada, e como cidadá, son abertamente partidaria da fusión para ter unha caixa galega e forte, porque non podemos consentir que o noso crédito se decida en Madrid. Agora ben, agardamos que ninguén, especialmente o presidente da Xunta, estea xogando con cartas agochadas.
-¿Beiras ou Paco Rodríguez?
-Representan visións distintas, pero comparten a lealdade ao BNG e o amor ao país.
-¿Mellor nacionalismo ou galeguismo?
-Nacionalismo, sen dúbida.
-¿Galicia ou México?
-Iso é como preguntarlle a un neno se papá ou mamá. Os dous. Un é o meu país, outra a terra de oportunidades.
-¿BNG ou Máis BNG?
-Sempre BNG.