«O Goberno ve na Fegamp un bo socio, pero a lexislatura é longa e seguro que haberá desacordos»
GALICIA
Fernández agoira brétemas na lúa de mel que a Xunta vive co municipalismo. Defende que no seu partido saben diferenciar o seu papel de cargo socialista da súa labor de presidente da Fegamp.
-Os partidos poderían seguir a liña de entendemento que preside as relacións entre a Fegamp e o Goberno.
-É un entendemento moi parcial sobre temas moi específicos e quizá, cando intentemos un entendemento máis amplo, igual non somos capaces de conseguilo.
-Un dos acordos que pecharon coa Xunta é a nova reforma da Lei do Solo. O PSOE, o seu partido, xúlgaa precipitada porque xa está prevista unha nova lei.
-Non entendín así. Entendín que a reforma era pouca cousa e que a tramitación parlamentaria por urxencia era precipitada. Do trámite pouco me toca opinar, pero a reforma da lei creo que é impepinable. É unha reforma moi parcial e concreta, pero é a que a Fegamp pediu. Se nós pedimos iso no 2007, agora temos que ser coherentes e non podemos dicir que non. Atinxe a aspectos moi importantes para os concellos.
-A Fegamp ten máis fotos co Goberno de Feijoo que co bipartito. ¿Era antes máis difícil a sintonía?
-O que teñen é unha táctica de traballo na que consideran que a Fegamp é un bo socio nalgunhas cousas. Ata agora houbo confluencia de intereses nalgúns temas. Pero sempre dixen que unha lexislatura é longa, e seguramente tamén haberá desacordos.
-¿Téñenlle pedido algunha explicación no partido?
-Nunca. Hai que ter en conta que eu son militante do PSdeG e participo en órganos decisorios do partido, pero a xente entende que cando actúo como presidente da Fegamp fágoo en representación dos alcaldes de Galicia. Parto dunha posición de defensa do municipalismo.
-¿O feito de que no anterior Goberno as competencias de urbanismo e vivenda estivesen compartidas entre os socios da coalición dificultou os acordos?
-Iso non me gustou nada e me produciu numerosos problemas e conflitos. Non ter unha interlocución tan asentada era un problema. Eu vivín un ansia da Consellería de Vivenda de tocalo todo, mesmo invadindo competencias de quen tiña as de ordenar o territorio. Iso foi negativo. Dificultou moito a xestión.