«Retirar a prohibición sen pechar o plan litoral non axuda aos concellos»

GALICIA

Fernández aposta por prorrogar o actual veto edificatorio ata aprobar as directrices do territorio e unha ordenación costeira da que agarda claridade e seguridade xurídica

17 ene 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O responsable do municipalismo galego, e alcalde socialista de Ames, Carlos Fernández, desmárcase da folla de ruta trazada polo Goberno de Feijoo para aplicar un plan de ordenación do litoral no que considera clave traballar polo consenso para garantir a súa aplicación.

-¿Coñecen os alcaldes os grandes liñas do plan?

-Como Fegamp non entramos directamente nesta fase, que é moi local, de puntos de contacto concretos de cada zona. Ofrecemos a nosa perspectiva global de cómo debe ser o plan, pero non respondemos a preguntas como os metros que creemos que debe haber en cada concello.

-¿Cal é esa idea global?

-A idea é que efectivamente hai que ordenar e protexer o litoral. Por iso entendemos que foi prudente mandar parar nun momento dado. Iso evitou que continuase unha situación de desfeita alí onde se ten producido. O obxectivo era parar para planificar, que é o que debe prevalecer. E as directrices do territorio tiñan que estar feitas ou moi esbozadas. O que botamos de menos son esas directrices.

-¿Que lle piden os concellos ao novo plan do litoral?

-Claridade e seguridade. Non podemos seguir traballando sen unhas directrices moi claras e que, a poder ser, teñan un consenso xeneralizado, para que podas planificar nun tempo determinado con certa seguridade e claridade. A inseguridade xurídica é o principal problema que nos atopamos nos concellos, pero tamén os técnicos, promotores e todos os que interveñen no proceso. As normas cambian continuamente e non se asentan o suficiente para estar ben enraizadas e maduras. Precisamos saber que cando tomamos unha decisión o facemos en base a una normativa estable.

-Parece que, polo menos de partida, se suavizará a prohibición en solo urbanizable que impuxo a lei dos 500 metros.

-Hai que ter en conta unha cautela, e tamén se dixo que non era unha cifra pechada, senón que habería que planificar en concreto. Non debemos aferrarnos aos 500 metros.

-¿E que lle parece a intención da Xunta de levantar a prohibición nesa franxa antes de ter aprobada a ordenación?

-Sería unha mala medida, porque suporía a volta da incerteza e e á falta de seguridade, que é o contrario do que se pide.

-A idea é suprimir esa paralización para aplicar as novas restricións que prevé o plan.

-Non o vexo prudente. Aínda que aos concellos nos poda facilitar decisións, é unha bomba, porque as tomaremos sen unhas bases, sen esa claridade e seguridade xurídica. Retirar a prohibición sen pechar o plan non beneficia aos concellos.

-¿Comparte logo a tese de PSdeG e BNG de que sería bo ir a unha segunda prórroga da norma dos 500 metros en tanto non se aprobe o plan?

-Si. Pero non xa por liña ideolóxica, senón porque iso aumentará a confusión, a falta de claridade e de seguridade xurídica.

-¿Ve posible neste intre o necesario consenso sobre a ordenación do litoral?

-Parece que hai boa predisposición. E nos concellos todo o mundo ve con bos ollos a necesidade dese acordo. Houbo un primeiro ensaio, que foron as modificacións parciais da Lei do Solo que pactamos coa Xunta desde a Fegamp. É un bo camiño. Hai que traballar por ese consenso nas grandes normas.

-¿Teñen claro os alcaldes que ese consenso polo territorio é a chave para que as normas se apliquen e teñan futuro?

-Sen ningunha dúbida. E nos gustaría que houbese unhas directrices de ordenación do territorio que durasen 30 ou 40 anos, que non estivésemos planificando a moi curto prazo e puidésemos facelo con tempo.

-¿A proximidade das municipais complica o acordo?

-Non debería ter incidencia directa, porque non falamos do que acontece nun concello, que é o ámbito electoral onde se disputan uns resultados, senón dunhas directrices xerais.