«Os talleres reforzaban especificamente as destrezas do alumnado, e van ter que desaparecer»

La Voz

GALICIA

10 sep 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A Escola de Idiomas de Santiago tivo un seguimento do cen por cen do seu profesorado. O seu secretario, Xerardo Fernández, laméntao por todos os alumnos que ían examinarse e tiveron que dar volta -mesmo unha de Edimburgo- pero critica con dureza que desde a Xunta se pretenda dar a entender á sociedade que os profesores destes centros non cumprían co horario.

-O conflito ven porque agora pasarán de 13,5 horas lectivas a 18.

-O noso regulamento recolle que temos que dar 18 períodos lectivos (non horas). Antes dabamos quince e completabamos con talleres e clases complementarias. A nova distribución esixe 21 períodos lectivos, o que xa se pasa do noso horario. Pero ese non é o problema, a cuestión non é ter máis clases, senón que nas horas de máis demanda vai haber menos profesores, polo que os alumnos non poderán escoller horario. Os docentes ademais terán que dar en distintos niveis -ata o de agora só en dous-, polo que será máis difícil coordinar. Estes centros teñen moita demanda, pero é unha demanda con circunstancias especiais e sempre en certas horas; a Xunta ten que asumilo, e se fai falla profesorado, poñelo.

-¿Renunciar aos talleres irá en detrimento do nivel oral dos idiomas?

-Non necesariamente. Nos talleres traballábase especificamente nas destrezas das que se fala no marco común europeo para as linguas, non só na lingua oral. Traballábase en concreto co que máis necesitaba o alumno.

-¿Isto pode ir máis alá de folga que remata hoxe?

-Eu penso que a Consellería de Educación non ten ningunha intención de falar con nós. Din que non hai redución de profesorado, e polo de agora xa hai 35 profesores menos que os que traballaron o curso pasado. Eu laméntoo polos alumnos, e confío en que se busquen datas para a recuperación dos exames (hoxe por exemplo veu unha rapaza de Edimburgo e marchou sen poder examinarse), xa que o profesorado estará encantado de facerlle as probas de evaluación.