«Baixe salarios, corte a calefacción, ¡pero non toque os fondos para I+D!»

GALICIA

O responsable universitario lanza un recado á Xunta: «¿Cren vostedes que se pode chegar á economía do coñecemento sen Universidade?», pregunta

09 ago 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A Universidade de Vigo chegou á maioría de idade hai só un ano. O salto ao mundo adulto é traumático: Boloña obriga a reformular cada recuncho académico e a crise non permite grandes alegrías. Nun despacho que se alonxa da solemnidade, con máis cemento que madeiras nobres, o reitor de Vigo, Alberto Gago (Vilanova de Arousa, 1956), demanda á Xunta que aclare as súas prioridades.

-Os rapaces e os pais andan un pouco perdidos: non saben se lles compensa estudar carreiras adaptadas ou non.

-Tampouco hai tanta diferenza. Eu son licenciado e espero ter un traballo como calquera cun grao. Pero este podería facer un máster ou traballar fóra sen ter que sufrir os procesos de homologación. O que si hai é unha forte conmoción dentro das universidades. Boloña é a adaptación ao século XXI, como a entrada de España na UE.

-¿A sociedade está a entendelo así?

-Con dificultade. Non é nada sinxelo levar adiante un proceso de reforma como este, podrecido durante once anos. Iso queima. Hai que rematar xa.

-¿Boloña é a única causa de que ás universidades galegas lles falten cartos?

-Non.

-¿Cales son?

-Hai mil prioridades. Pero hai absoluta coincidencia en que non hai futuro na sociedade do coñecemento se non hai un cambio de modelo. A pregunta que nós facemos é: por sentido común, ¿cren vostedes que se pode pasar á economía do coñecemento sen Universidade? Non hai futuro se non hai I+D e quen a fai neste momento é a Universidade. Polo tanto, reduza vostede os salarios, corte a calefacción, acabemos co gasto corrente, acabemos cos actos académicos, pero por favor, ¡non toque os programas de I+D!

-Os reitores sempre din que a adaptación a Bolonia precisa cartos. ¿Para que?

-Un exemplo. Eu entrei na USC en 1973, nunha aula con 359 colegas. Agora intentamos que os grupos de teoría non teñan máis de 60 estudantes, os de laboratorio 30 e os de titoría 10. Boloña é calidade docente.

-¿Cantos cartos faltan?

-Facer unha estimación sería irreal. Hai que incrementar o persoal, vai repuntar a matrícula, adaptar instalacións, ao ritmo que sexa posible e con pedagoxía. Hai que explicar aos cidadáns que o investimento en universidades é un investimento de futuro.

-Pedagoxía, pois: explíquelle a un parado de 50 anos que non cobra subsidio por que hai que investir en universidade.

-Se as alternativas son educación ou morrer de inanición, eu resolvería esta. Pero é inxusto plantexalo así. No medio hai moitísimas prioridades, como desemprego ou dependencia. A cuestión é se entre elas se mete a educación, se ademais de curar as feridas de hoxe, se pensa en como vai vivir o enfermo dentro de cinco anos.

-Segundo o actual plan de financiamento, o vindeiro ano as universidades galegas perderían cartos. ¿Isto que pon en perigo?

-Todo. Poño algún exemplo: a captación de doutores, a participación en centros tecnolóxicos, a investigación... Curtar aí sería un drama, sería curtar o que empezou nos últimos dez anos.

-¿Que esperan das conversas coa Xunta sobre financiamento que empezan en outono?

-Xa lle dixemos ao presidente: abramos as universidades en canal, controlemos todo, non subamos os soldos, cortemos a calefacción, acabemos con calquera fasto. A continuación, poñan os obxectivos. Pero que non sexa a desculpa para interromper a transferencia de coñecemento á sociedade para o que están gañados os investigadores.