«En setembro ten que haber un borrador do novo decreto»

GALICIA

Malia que aínda se están barallando todas as opcións «coherentes», o novo marco legal do galego no ensino deixará de lado un modelo de segregación como o vasco

02 ago 2009 . Actualizado a las 12:26 h.

Participou na redacción do Plan Xeral de Normalización Lingüística que promoveu o Goberno de Fraga e que o Parlamento aprobou por unanimidade. Colaborou co departamento que ate o ano pasado dirixiu Marisol López. E agora é acusado tanto de nacionalista perigoso como de asasino do galego. Anxo Lorenzo, porén, gaba o seu traballo á fronte da Secretaría Xeral de Política Lingüística nun momento no que a confrontación entre galego e castelán semella ser máxima.

-Agora que os pais falaron, ¿vai haber algún cambio no vindeiro curso?

-O decreto está en vigor con todas as súas consecuencias, polo que nin é admisible nin é permisible que a Consellería de Educación vaia en contra da legalidade vixente. Tamén apelamos ao sentido común e á responsabilidade dos axentes sociais e políticos para que non fagan chamamentos á desobediencia ou á insubmisión.

-Hai quen afirma que hai centros nos que as materias só se dan en galego.

-Tanto desa afirmación como outra na dirección contraria temos coñecemento a través dalgunha denuncia ou dalgunha observación en forma de correo electrónico. Non temos constancia de que ningún dos casos estea expandido e constitúa un problema que teñamos que solucionar dende aquí.

-Tamén deixou moi claro que a consulta non é vinculante.

-Si. Non é vinculante no sentido de que non podemos ofrecer unha educación á carta. Non temos capacidade e tampouco cremos que sexa interesante para a sociedade galega establecer unha educación onde cada familia escolla o seu itinerario.

-¿Que pasa co modelo educativo como o do País Vasco?

-O modelo vasco é un modelo de segregación no que os pais escollen o perfil lingüístico do centro. Iso ten moita razón de ser no caso desa comunidade, onde hai un alto nivel de segregación política, social e tamén lingüística, porque son dúas linguas moi separadas. Dende un punto de vista lingüístico é moi pouco interesante aplicalo aquí, onde as linguas son moi próximas e se reforzan. Tampouco creo que o noso contexto político sexa o mellor para implantar un modelo segregacionista.

-Logo, o novo decreto non contempla esta posibilidade.

-Un modelo de segregación puro non.

-¿E mixto?

-Existen modelos mixtos, determinadas estratexias de aprendizaxe nas que o alumnado estea separado por linguas. Estanse barallando todas as opcións posibles que sexan coherentes dende un punto de vista pedagóxico e tamén dende o punto de vista da nosa situación social, política e sociolingüística, e tamén dende o punto de vista de que temos dúas linguas oficiais, románicas e intercomprensibles.

-Visto o panorama, ¿chegarase a un consenso ou haberá que rematar aprobando o decreto polas bravas?

-Vaise negociar. O decreto váiselles ofrecer ás forzas parlamentarias para que o apoien. Non se vai impoñer un modelo de decreto, senón que se vai presentar un borrador para negocialo coas forzas políticas e tamén coas forzas sociais e coa comunidade educativa. Nós queremos que sexa o decreto de todos, un decreto plural, que recolla esa enorme diversidade que temos. Esa disparidade de puntos de vista ás veces converxe en puntos nos que estamos de acordo. Ofrecemos o decreto á sociedade galega para que entre todos solucionemos dunha vez o debate sobre a lingua galega.

-¿Cando comezará esa negociación?

-O presidente e o conselleiro de Educación anunciaron que o proceso debera estar rematado antes de final de ano. Canto antes comecemos despois de agosto antes remataremos para ter listo ese documento e pechar o proceso. En setembro. En setembro ten que estar listo o borrador para negociar.