«O novo alcalde forma parte da trama urbanística, e ímolo desenmascarar»

A. M.

GALICIA

09 jul 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Antonio Araúxo xa fixo historia no momento en que conseguiu para o BNG un dos principais feudos dos populares no sur da provincia de Pontevedra. Tras vinte anos en mans do PP, os cinco concelleiros nacionalistas afrontaron un cambio que xa nacía coxo porque as diferenzas cos cabezas de lista do PSOE parecían irreconciliables a pesares dun pacto nacional. Aguantou sen apoios na corporación dous anos, e marcha no ecuador «pola porta grande».

-¿Como ve o futuro político de Gondomar?

-Mal, moi mal. Está en mans duns desaprensivos que todo Gondomar sabe a que veñen. Veñen a resolver os seus problemas particulares e todo o que lles quedou pendente cando perderon a maioría, a levar a corrupción dentro do Concello. A nós tócanos agora fiscalizar o labor do goberno e procurar que dentro de dous anos non o encontremos demasiado deteriorado.

-¿Preocúpalle a recuperación dun plan urbanístico baixo sospeita?

-O Plan Xeral da corrupción é o leit motiv da moción de censura. O novo alcalde forma parte da trama urbanística, e ímolo desenmascarar.

-¿Que opina da renuncia ao partido dos edís do PP?

-É unha farsa tremenda. Feijoo non dá a cara e lles obriga a dimitir para non ter que dar explicacións. Se pensa que a xente de Gondomar non se dá conta, equivócase.

-¿Por que cre que o PSOE pacta co PP e non o fixo co BNG ao principio de mandato?

-É o gran misterio que se desvelará nestes días. O PP vaille permitir aos edís do PSOE meter a man na caixa, seguir co disparate da corrupción urbanística. Son elementos do mesmo formigón armado. Desgraciadamente, Gondomar seguirá a saír nos papeis por trapalladas deste tipo.

-¿Como valora a súa xestión á fronte do Concello nestes dous anos?

-Marcho coa satisfacción do deber feito e co recoñecemento e o cariño da xente de Gondomar. Se o PP quere traballar por Gondomar que colla os proxectos que o BNG puxo en marcha.

-¿Os veciños que protestaron foron unha minoría ruidosa?

-Veciños de toda as ideoloxías mostraron a súa repulsa nos días previos á moción de censura. Gondomar deu un exemplo de civismo rebelándose contra unha manobra indigna. As urnas decidiron o cambio nas últimas eleccións. Ninguén votou ao PSOE ou ao PP para facer isto. Eles roubaron as chaves do auditorio para esconderse antes da celebración do pleno. Non tiveron apoios entre a cidadanía. Entran pola porta de atrás a gobernar, e eu saio pola porta grande.