A sensibilidade humana que hai nunhas mans é a diferenza entre que unha motoserra sexa un instrumento brutal ou unha ferramenta para crear vida
13 abr 2009 . Actualizado a las 02:41 h.A súa base de traballo sempre foi a madeira e, sobre ela, polariza o resto da súa obra. Álvaro González de la Vega (Paradela, Lugo, 1954) di que é un material que se presta moi ben ao seu xeito de traballar, ás súas habilidades e, incluso, á súa propia cultura.
-¿Foi fillo ou neto de carpinteiro?
-Non, pero piquei moita leña de rapaz para o forno da casa, de aí vén o meu trato coa leña.
-Un tipo de macheta...
-É a miña ferramenta favorita.
-Pero é curioso: vostede é capaz de facer da leña pezas cheas de vida, vexo esa vaca á que só lle falta falar...
-Captaches moi ben esa idea. Unha das miñas teimas é facer, con materiais dóciles e agarimosos, cousas duras, e ao revés, con tratamentos duros, facer cousas amorosas.
-Os homes, en xeral, tamén estamos feitos un pouco a macheta...
-Tamén. Para iso, o físico das mulleres resísteseme máis, ten outro tipo de orografías. Pero tamén estou facendo traballos con corpos femininos.
-Vacas, cabalos, brazos, mans, cabezas... ¿Por que fai corpos a cachos?
-Todo artista que representa algo fragmenta sempre, fai elipses das cousas; un cineasta narra unha secuencia, pero con cortes, ou sería imposible.
-Tamén está a expoñer este mes na biblioteca Ánxel Casal de Santiago a súa cerámica...
-Gústame moito, aínda que comecei hai pouco e tiven algunhas sorpresas ao cocer, pero acompañadas de aprendizaxe. Pero agora parei porque ando ocupado con outras cousas que me meten présa.
-¿Traballo non falta?
-Non, e crise tampouco. Os escultores que traballamos en materiais moi tanxibles e moi concretos bandeámonos ben coas crises, non nos vai tombar esta.
-¿Hai moita encarga de onte para hoxe?
-Ás veces.
-¿Quen manda, o artista ou quen paga?
-As encargas poden ser moi gratificantes ou moi engorrosas , depende de certas urxencias ou certas limitacións que che están poñendo constantemente, pero non son moito de facer encargas. Eu teño traballado a ritmo de mercado porque o esixen nun momento dado, pero é un exercicio de autoductilidade que tes que facer ti.
-Comezou de neno, a navalla...
-As que máis me trincaron os dedos [mostra as súas mans cheas de cicatrices, como se as labrara el mesmo] foron as navallas; as grandes ferramentas, de momento, téñenme respecto [ri].
-E chegou á motoserra, unha máquina que, ben empregada, crea máis que destrúe...
-E moi perigosa. Pero por iso tamén te achegas a ela con moita prudencia. Gústanme ademais as motoserras de gasolina, son como os moteiros, teñen outro tipo de arranque menos perigoso que as eléctricas.
-¿Que foi o primeiro que sacou dun pau?
-Pode que algunha figura humana, sóame un soldado da Segunda Guerra Mundial, con oito ou nove anos. Teño un certo recordo... creo que daquela estaba a ler Hazañas bélicas.
-¿E na casa non lle dicían que deixara a navalla e se centrara en estudar?
-Non, porque eu fun un estudante bastante bo. Estiven en Luarca, en Lugo, parei dez anos e logo fixen Belas Artes.
-¿Saen bos artistas agora?
-Si, pero é o tempo quen lexitima a un artista. O tempo e a súa sociabilidade. A sorte é que conxuguen unha crítica, un coleccionista ou dúas ou tres galerías ás que lle interesas... entón rebentas coma a escuma. Pero se esas condicións non se dan, tes que moverte por outros camiños máis difíciles ou secundarios.
-¿Le as súas críticas?
-Bastante. A peor crítica é que non che digan nada. Pero, por norma xeral, todos os que escribiron de min o fixeron con ganas de achegarse ¡Confío en que fagas o mesmo! Vés en son de paz...
-Completamente...
-Si, pero tamén pasa que as críticas moi matadoras tamén son boas, é como tirar unha pedra á auga: todo canto bicho vivinte hai nese estanque ponse en movemento.
-¿As obras están dentro dos materiais, agardando a saír?
-Sempre gustou moito iso de que a peza é o que queda do que se quita, pero a peza estache na cabeza de quen a fai, non está na pedra ou na madeira. E, ás veces, non sae todo iso que dis que está alí.
-¿O termo «artista» está un pouco de capa caída?
-Ten acepcións perigosas, pero non me molesta.
-¿E de non ser artista?
-Supoño que me tería dedicado a calquera actividade manual. Na casa había panadería, facer o pan ten o seu interese, igual sería panadeiro. Pero non me vexo arranxando papeis ou atendendo ordenadores.