«O país real é o que está fóra e non na cabeza dalgúns dirixentes»

GALICIA

López Rico defende «unha renovación de ideas máis que de persoas» e asegura que o obxectivo «é recuperar o protagonismo das bases do nacionalismo»

18 mar 2009 . Actualizado a las 02:18 h.

Mario López Rico (Ribadeo, 1949) é un dos históricos do BNG que reclama agora unha refundación do nacionalismo galego con un claro referente. «O obxectivo é recuperar o espírito de Riazor e apostar pola xenerosidade para defender Galicia», afirma este arquitecto afeccionado á música clásica que forma parte do goberno local da Coruña como responsable da área de Rehabilitación e Vivenda desde hai dous anos.

-¿Como se plantexa o próximo congreso do BNG desde o seu punto de vista?

-Coa dimisión da executiva, calquera decisión importante debe pasar ao consello nacional, polo que o proceso de traballo debe de ser moi light e sempre encamiñado a facilitar un proceso aberto e transparente no que o obxectivo final ten que ser devolver a voz á militancia.

-Pero a primeira polémica é se será unha asemblea aberta ou pechada.

-A vontade de Encontro Irmandiño é que poidan participar todas as persoas que sexan militantes do BNG e que queiran facelo, sen delegados nin nada parecido para conseguir que a asemblea do 9 de maio sexa o máis aberta posible. É certo que hai un acordo para limitar a presenza a 2.500 delegados, pero ese documento pode interpretarse tamén doutro xeito e nós seguiremos laborando para conseguir que non haxa límites.

-¿Que futuro ten o Bloque?

-Como di Xosé Manuel Beiras, é o único «aparello de Estado» do pobo galego, o que o converte en imprescindible para o país, pero que tamén nos obriga a resintonizarnos co pobo galego.

-¿Por que?

-Porque hai que facer unha análise da situación e do contexto para coñecer as causas do resultado electoral e poder corrixilas.

-¿Obriga iso ao cambio de persoas?

-Nós pensamos que é a militancia a que ten que poñer a cada un no seu sitio. Non desbotamos a ninguén neste proceso, porque todos podemos participar e todos temos un rol que cumprir.

-¿Onde quedan Quintana, Beiras e Francisco Rodríguez?

-Pensamos que non se precisa tanto unha renovación de persoas como de ideas. O país real é o que está fóra e non na cabeza dalgúns dirixentes, sexan do BNG ou non. Por exemplo, Beiras logrou rematar co enroque que parecía que había na dirección do Bloque dando un zapatazo sobre a mesa para abrir un proceso de reflexión que, doutra maneira, probablemente se houbera pechado en falso. Por iso, hai que ter en conta a traxectoria, as capacidades e a autoridade moral e política de cada un por riba dos anos de rodaxe á hora de asignar roles.

-Pero hai dirixentes, como Carlos Aymerich, que demandan un cambio de caras, tamén nas cidades.

-O resultado das autonómicas abriu un proceso de reflexión sobre as consecuencias da andaina do Bloque no Goberno e na sociedade. Hai que recordar que hai unha dirección política que foi a que xestionou eses pasos e é esa dirección política a que ten que responder do que fixo. O que se valora agora é o papel do bipartito e nós entendemos que extrapolar os resultados é suplantar as decisións que teñen que tomar as cidades.

-¿Pero ve necesario romper os pactos de goberno nas cidades?

-Repito que o futuro da Coruña, Pontevedra ou Vigo teñen que decidilo os que residen nesas cidades. Son as bases do BNG as que teñen que asignar os roles aos dirixentes e marcar a liña do Bloque. Cada caso haberá que estudalo de forma independente, pero no que eu coñezo de primeira man, que é o da Coruña, penso que o pacto está funcionando magnificamente ben. E hai que lembrar que sen eses pactos que agora algún critica, sería o PP o que gobernaría na maioría das cidades, a pesares de que iso non é o que queren os galegos, que prefiren maiorías sólidas que poidan sustentar a acción de goberno de equipos sólidos.

-¿Cal será o papel da corrente Encontro Irmandiño neste proceso de refundación?

-Somos unha corrente que se fundou no ano 2006, no anterior congreso, para defender a rexeneración e o reencontro consigo mesmo do BNG. Teremos un papel como calquera outra corrente, pero no que non participaremos é en cambalaches de forzas, grupos ou postos, senón que participaremos como calquera outro militante de base e nos diluiremos no debate que se ten que dar para intentar aportar as nosas ideas e propostas.