«Nunca pensei en Luis Carrera para a lista de Ourense»

Antonio Nespereira

GALICIA

O PP daba a sorpresa colocando ao ex directivo de Caixa Ourense, Luis Carrera, no número 1 da lista provincial para as autonómicas. O seu presidente, José Luis Baltar, recoñecía que el non tivera nada que ver na designación, aínda que agora decida apoiala sen fisuras.

-¿Quen fichou a Carrera?

-Eu nunca pensei en Luis Carrera para a lista de Ourense. Nunca pensei que aceptase entrar en política. Deu o seu nome o presidente rexional e preguntoume. Díxenlle que me parecía ben e encargoume facer a chamada a Luis e non o pensou nin un minuto. Aquí non se discute se o fichou un ou outro, aquí as listas facémolas o presidente rexional e máis eu. Está claro que o líder é Núñez Feijoo e parece lóxico que sexa el quen decida con que vimbios quere facer o cesto.

-¿Que aporta o número un?

-Un dos debates fundamentais que haberá nestas eleccións será económico por culpa da crise. Nestes asuntos é un auténtico experto e pode ser un puntal.

-¿Por que o PP sempre ten que facer fichaxes fóra?

-Porque nós o que queremos é facer máis equipo. Se podemos xuntar para ese proxecto máis nomes, moito mellor.

-¿Empeza a renovación?

-Eu falara dunha renovación dun 50%, pero creo que nos vamos pasar a un 60 ou 70%. A xente pide cambios, que vaian saíndo caras novas e nós vamos satisfacer esas demandas.

-¿Como encara vostede o reto das autonómicas?

-Coma sempre, traballando moi duro e mobilizando ao partido. Son unhas eleccións cruciais xa non só para o PP, senón para Galicia porque estamos nun momento moi delicado.

-¿Esta pode ser a súa última campaña electoral?

-Xa dixen sempre que estaba a disposición do partido. Eu non vou mover un dedo para continuar como presidente do PP nin da Deputación Provincial. O que non quero é pegar un portazo e desaparecer. O partido ten que ir buscando a miña substitución para cando sexa, pero que saiban os militantes que eu non lles vou fallar, e se cren que a renovación ten que empezar por min, xa saben que, cando queiran, eu estou disposto.

-Este ano vai ser crucial para o Partido Popular.

-As eleccións vainas gañar o PP, pero sabemos que para gobernar hai que facelo con maioría absoluta. Se se perde non pasa absolutamente nada.