«Cando hai criminais polo medio, a actividade informativa non debe incentivalos»

La Voz

GALICIA

06 jul 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Suárez Canal cre que a política informativa debe ser útil á sociedade sen incentivar aos incendiarios.

-Vostede sostén que un exceso de información sobre os incendios pode actuar como estimulante para os que lle prenden ao monte.

-Non sosteño que un exceso de información poida actuar de estimulante, senón que a información mal proporcionada á sociedade pode acabar sendo un problema. Falamos dunha actividade na que hai delincuentes, e cando hai criminais polo medio a actividade informativa non debe incentivar a súa actuación. A información obxectiva, rigorosa, que proporcione á sociedade coñecementos necesarios, útiles para combater aos delincuentes e tomar medidas preventivas sobre os incendios, non lle vexo ningunha dificultade a que sexa coñecida.

-No ámbito da prevención hai unha estratexia de posta en valor do medio rural, con iniciativas como o Banco de Terras. ¿Como marcha o seu desenvolvemento?

-As figuras normativas como o Banco de Terras, o contrato de explotación sustentable, os proxectos singulares ou os proxectos dinamizadores están a significar unha paulatina posta en valor de terreo abandonado. E, agora que se cumpre un ano da lei do Banco de Terras, e cando a partir de setembro poidamos impulsar a incorporación de terras ao banco, porque a lei xa estará plenamente operativa, vai significar un avance. No monte levamos impulsadas liñas de valorización, e unha norma para a xestión económica e ambientalmente sustentable polas unidades de xestión forestal. Son normas que significan un cambio estrutural, pero a resposta que vemos é que van ir moito máis rápida na súa aplicación.