Suárez Canal defende que a Xunta ten os deberes feitos para «poñérllelo difícil aos delincuentes» forestais, e subliña a relevancia da implicación social na súa detención
06 jul 2008 . Actualizado a las 02:00 h.O conselleiro nacionalista do Medio Rural, lonxe xa das teorías das tramas incendiarias, pon o acento na necesidade de incriminar aos «delincuentes» do monte, e rexeita que a xestión da empresa pública Seaga supoña unha privatización.
-O dispositivo para a loita contra o lume este verán xa está despregado. ¿Con que expectativas afronta a campaña?
-Con todos os traballos que dependen de nós feitos. Co dispositivo despregado, cos convenios cos concellos e xestores de infraestruturas para rozas, e coa presenza disuasoria dos corpos e forzas de seguridade do Estado, para poñérllelo máis difícil aos delincuentes que queiman o monte, cunha colaboración social importante. E con melloras no despregamento de medios, capacidade operativa e protocolos. A Administración ten feito o traballo que debe en época de máximo risco.
-¿En que ámbitos se ten reforzado máis o operativo?
-En todos, construíndo sobre a columna vertebral do que había, dos 19 distritos forestais, o persoal fixo e fixo descontinuo, que segue sendo o mesmo, os técnicos basicamente. Pero a partir de aí hai melloras en todos os aspectos dos que falaba. En definitiva, creo que hai un proceso de ir mellorando cousas cada ano, porque os recursos non son infinitos, e nas dúas vertentes: estar mellor capacitados para responder aos incendios e activar toda a política preventiva, que é un proceso tamén paulatino.
-Un dos aspectos no que teñen posto máis énfase é na limpeza e roza arredor das urbanizacións, das infraestruturas de comunicación e dos equipamentos eléctricos. ¿Como están a responder as empresas e cidadáns afectados?
-A resposta é razoablemente satisfactoria. Pero cando un ten un territorio tan importante de monte, dúas terceiras partes de Galicia son monte, e tantas vías de comunicación de distinto rango, e actuar sobre todas require moitos recursos, é un proceso que se vai realizando no tempo. Que é visible en moitos aspectos, como tamén o é que hai cousas por seguir facendo de cara ao futuro. Instrumentalizamos unha normativa que nos permite maior capacidade de actuación, e iso require o seu tempo de posta en marcha. Pero creo que é visible que hai se fixo un traballo por parte dos concellos, dos xestores das infraestruturas, da Administración e por parte de moitos particulares. Pero tamén é certo que hai moito territorio no que actuar, e polo tanto seguiremos tendo que facelo no futuro.
-Os sindicatos critican unha privatización das contratacións a través da empresa pública Seaga.
-Privatización non hai. A empresa pública o que fai é unificar o mando e a contratación do reforzo do verán. Os fixos e os fixos descontinuos seguen a ser os mesmos que había antes, e cos mesmos procedementos de traballo, con mellores medios, mellor profesionalización e máis formación. Polo tanto son traballadores dunha empresa pública. Algúns deses sindicatos estatais, que aquí din iso, noutros territorios do Estado están a defender e reclamar que todo o servizo dependa dunha empresa pública. Polo tanto, de privatización nada. É máis, todo o proceso de selección das brigadas de reforzo responde aos principios de publicidade, mérito e capacidade, e cunha proba física que hai que superar, porque é un traballo de risco que require unhas determinadas aptitudes. Antes moito dese persoal se contrataba de xeito desigual polos concellos, sen completar en moitos casos o número de brigadas e sen requirir o mesmo procedemento para todos que agora esixe Seaga.
-Fala vostede dos que lle prenden lume ao monte como delincuentes. O caso é que a meirande parte dos detidos quedan rapidamente en liberdade. ¿É posible avanzar máis no tratamento penal neste ámbito?
-Penso que se ten avanzado de forma importante nos corpos e forzas de seguridade do Estado no que é o proporcionar probas que permitan a incriminación con fundamentos xurídicos das persoas que, de forma intencionada ou neglixente, queiman o monte. Estamos nun ámbito onde é moi difícil conseguir probas, onde a implicación social é moi relevante para incriminar a quen lle prende lume ao monte. Nese terreo temos que seguir mellorando para incriminar a quen queima o monte, porque a lacra dos incendios forestais deixará de ser un problema en Galicia no momento en que consigamos que non haxa persoas dispostas a plantarlle lume de forma intencionada ou moi neglixente ao monte.