A Mesa pola Normalización ve avances do galego no ensino, aínda que non se cumpre o lexislado

La Voz

GALICIA

09 ene 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A Mesa pola Normalización Lingüística considera que houbo avances no presente curso nos usos do galego do ensino, aínda que non se cumpre todo o lexislado, e hai moitos aspectos do decreto do ano pasado que regula este asunto que están lonxe de ser realidade.

O presidente da Mesa, Carlos Callón, afirma que a maioría dos centros cumpren na utilización de libros de texto en galego para aquelas disciplinas en que existe dispoñibilidade dos mesmos. Neste ámbito, hai ciclos e etapas que carecen de material pedagóxico na lingua do país, en especial na formación profesional e na maioría das ensinanzas artísticas, sobre todo as musicais.

Outros incumprimentos que verificaron foi no uso da lingua oral na docencia, que non é a galega en numerosos casos en que debería ser así, segundo está contemplado na normativa reguladora. E tamén na etapa infantil, pois a maioría dos centros non ocupa o 50% mínimo de ensino en galego, e mesmo en zonas de maioría galegofalante se minoriza ou exclúe a utilización do idioma.

Callón valora o esforzo que están a facer numerosos docentes para cumprir o decreto de ensino en galego, e reclama máis apoio para este colectivo, para que poda atinxir unha maior capacitación para ese labor. Ese obxectivo precisa dun ambicioso e específico plano de formación do profesorado, indica.

En todo o caso, a Mesa entende que a Consellería de Educación debe contratar profesorado onde sexa necesario para garantir o dereito do alumnado a ter o 50% das materias na lingua do país sempre que así se recoñeza na lexislación vixente, que foi ratificada polo Tribunal Superior de Xustiza autonómico, e conta tamén co apoio da confederación de asociacións de nais e pais de centros públicos, da patronal de escolas católicas concertadas FERE-CECA, de asociacións do estudantado de secundaria, movementos de renovación pedagóxica e dos sindicatos maioritarios.