O nacemento da «nazón de Breogán»

GALICIA

A interpretación da peza musical de Pascual Veiga na Habana en 1907 supuxo o inicio da súa canonización como himno galego tras deixar atrás outras cancións aspirantes

09 dic 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Aínda que o himno galego se xestou en 1890, a súa posta de largo en sociedade prodúcese no 20 de nadal de 1907 no Teatro Nacional del Centro Gallego de La Habana, como peche a unha velada de homenaxe ao compositor da música, o mindoniense Pascual Veiga, falecido o ano anterior, organizada polo ferrolán Xosé Fontenla Leal, entón bibliotecario do centro galego habaneiro. Foi precisamente este emigrante quen máis fixo polo recoñecemento da peza de Veiga e Eduardo Pondal, xa que solicitou a súa adopción como himno da institución na que traballaba, editou a composición e distribuíu a partitura a bandas, orfeóns e centros culturais galegos por todo o mundo. Por fin, en torno a 1913 comeza a interpretarse en Galicia de maneira habitual.

A atribución non é tanxencial. Hai que ter en conta que antes de que se producise tal aceptación, a finais do século XIX houbo outras pezas que acadaron unha vida máis ou menos efémera que se tiveron por himno nalgún intre. É o caso do Himno Galego, de Andrés Muruais e Felipe Paz Carvajal; ¡Galicia!, de Galo Salinas e Varela Silvari; ou Casta dos celtas, de Luis Taibo e Alfredo Brañas, que ben puideron terse imposto no camiño.

O compoñente de azar non remata nin sequera co teimudo empeño de Veiga. Aproveitando o seu momento de popularidade como director tras lograr en 1889 a medalla de ouro na Exposición Internacional de París co Orfeón número 4 de La Coruña, insta ao Concello coruñés a promover un gran concurso no que se premiará a mellor composición de Marcha Regional Gallega para o poema Os pinos, que Eduardo Pondal lle remitira a Veiga, dando así resposta a unha petición persoal desde a súa residencia en Ponteceso (ambos corrixirían posteriormente a acentuación para mellorar a musicalidade dos versos). Un xurado con base en París elixe a peza do catalán Iván Gotós de entre as dez presentadas. Non obstante, nunca chegará a ser interpretada, a pesar de que o festival se celebrou en agosto de 1890.

Centro Gallego de Madrid

Si será interpretada, aínda que máis tarde, a do propio Veiga, que xa antes requirira a colaboración de Juan Montes para a música, e tras varios intentos colle ao fin o touro polos cornos e ponse a traballar sobre a partitura, aínda que non a presenta a concurso porque el mesmo ocupa a presidencia do certame coruñés. Segundo unha investigación de Fernando López Acuña, Veiga a interpretará despois en varias ocasións durante a súa estancia na capital madrileña, co Orfeón del Centro Gallego de Madrid, que el dirixía.

En todo caso, e de aí a importancia clave da figura do ferrolán Fontenla Leal, non será ata aquel simbólico 20 de nadal de 1907 (finado xa Veiga) cando o himno toma corpo. A interpretación da peza pola Banda de Policía de La Habana no Teatro Nacional del Centro Gallego da capital cubana cambia o rumbo da historia e canoniza a súa natureza. As demais cancións aspirantes a himno quedan postergadas co posterior labor de Fontenla Leal para espallar os sons de Veiga e Pondal.

Dende entón, Os pinos superou toda sorte de avatares, dende a súa interpretación na Coruña ante un Franco posto en pé, no exilio do Teatro Colón de Bos Aires, ou no acto de constitución da Xunta preautonómica en 1978, ata os intentos de corrixir o texto do bardo de Ponteceso, ou as polémicas sobre o termo nazón na frustrada reforma do Estatuto ou pola súa entrada como canto nas escolas. Hoxe ninguén discute unha «nazón de Breogán» que, -¡paradoxos!- naceu no Caribe, na capital de Cuba, nun dos corazóns da emigración galega.