O castelán ten un claro predominio nas cidades entre os menores de 55 anos

T. C.

LUGO CIUDAD

Na liña de anteriores traballos, a revisión do Mapa Sociolingüístico do 2004 evidencia unha difícil situación da transmisión familiar do galego no ámbito urbano, toda vez que se sinala un predominio do castelán nas sete grandes cidades.

Analizadas as respostas dos entrevistados, Ferrol resulta ser a cidade máis castelanizada en canto aos usos iniciais, pois preto do 70% da poboación con idades comprendidas entre os 15 e os 54 anos aprendeu a falar só en castelán, e o 84,5% sitúase na suma desa opción e a de máis castelán. Ferrol presenta ademais unhas medias significativamente máis baixas nas catro destrezas (entender, ler, falar e escribir). Séguelle Vigo cunha suma do 80,9% (50% só castelán e 26,9% de máis castelán), A Coruña con 77,4% (41+36,4) e Pontevedra con 73,2% (45,4+27,8).

Pola contra, as maiores proporcións de galegofalantes iniciais sumando as opcións de só galego e máis galego rexístranas Lugo co 40% (23,1+16,9), Santiago co 35,1 % (19,2+15,9) e Ourense co 31% (13,9+17,1).

A cidade das Burgas é a que amosa os valores máis altos para entender, falar e escribir o galego, empatada con Santiago nesta última destreza. A capital galega salienta por ter as medias máis altas nas destrezas que requiren unha formación máis académica (ler e escribir). As outras cidades presentan unhas medias máis homoxéneas.

Aínda que a medida que as localidades crecen en habitantes decrecen os valores das catro destrezas, a excepción está nas que se sitúan entre os 10.001 e os 20.000 habitantes, onde os valores das destrezas, agás a capacidade para falar, son menores que nas de máis de 50.000. Tamén se constata unha correlación entre as competencias en galego e castelán que é maior a medida que as destrezas son máis altas. De feito, asegura o informe, hai un perfil composto por un número elevado de persoas con altas competencias orais e lectoescritoras nas dúas linguas oficiais.