«O peor é a calidade da lingua de moitos novos falantes»

La Voz

GALICIA

Manuel González González, secretario da Real Academia Galega e director do volume que vén de aparecer do MSG-04, afirma que «hoxe o gran problema que temos co galego é o da transmisión familiar. Pero penso que se freou o proceso crecente de desgaleguización e que hai medidas que en pouco tempo van dar froitos».

-¿Por exemplo?

-O incremento da utilización da lingua na escola e o traballo no ensino preescolar. As galescolas son unha liña na que hai que afondar.

-Pero os datos do estudo non son moi positivos.

-Non é unha situación fácil, pero a partir deste momento vai haber un proceso de recuperación do galego.

-¿Onde está o problema?

-Hai algo do que non se fala e que me preocupa: o peor é a calidade lingüística. Moitas incorporacións ao galego teñen un nivel moi pobre. Se fose unha fase da aprendizaxe, non importaría. Pero é unha lingua deturpada que se asenta e que goza de prestixio social porque é a dalgúns políticos e ten presenza nos medios. Ata hai xente que pensa que ese é o bo galego.