Satisfeito co «fantástico» balance do verán, o director xeral de Turismo recoñece que Galicia ten que mellorar o seu gancho cos viaxeiros estranxeiros e no resto do ano.
-Rematado xa o verán, ¿cal é a valoración que fan do turismo chegado a Galicia neses meses?
-Pois moi positiva. Estamos nun moi bo ano turístico e o verán tamén o foi, xa que se incrementaron os niveis de ocupación hoteleira, de viaxeiros e de pernoctacións. O Camiño de Santiago, como produto turístico, medrou arredor do 10%, reforzouse o turismo nas cidades e o turismo rural tivo uns resultados bastante aceptables. Todo iso fainos inferir que a temporada foi boa, pero, ademais, hai só uns días, un directivo dunha asociación de hoteleiros me dicía que este ano fora sensacional. E cando o di alguén do sector privado é que algo hai.
-Pero, así como setembro tivo mellor ocupación que no 2006 ou 2005, xullo e agosto baixaron algo. ¿É cousa da meteoroloxía deste verán ou que baixa o poder adquisitivo?
-Non creo que sexa cousa de crise económica e o tempo é un factor moi relativo. É certo que tivemos máis pluviosidade do habitual este verán e que en xullo estivemos no límite de que lle fixese dano ao turismo. Pero, en cambio, a meteoroloxía axudou en setembro. É un mes que cada vez é máis vacacional, e se a iso lle engadimos que o tempo e as ofertas de fin de semana axudaron bastante, o resultado final ten que ser bo. A razón desa lixeira baixada nos niveis de ocupación hoteleira de xullo e agosto é que este ano temos un 5% máis de camas que o pasado, que a oferta creceu, polo que, en realidade, medramos en ocupación, viaxeiros e pernoctacións.
-¿É Galicia entón un destino distinto?
-Si, distinto e aínda segue a ser de calidade. Galicia está por riba do promedio turístico e cada vez capta máis visitantes do resto do Estado e medra no número de estranxeiros.
-Pero aínda son poucos os que colocan Galicia no mapa turístico.
-Os datos que temos indican que, aproximadamente, o 22% do turismo que chega a Galicia é de fóra do Estado e que se incrementou nun 25% desde o 2005, pasando dos 900.000 estranxeiros que viñan entón aos 1.200.000 que o fan agora. ¿Que pasa? Pois que o turista estranxeiro é fragmentario, de escapadas rápidas de tres ou catro pernoctacións e máis ben en primavera ou outono, cando está menos masificado. En verán, en cambio, baixa o turismo de fóra e chega o de Andalucía ou Madrid.
-¿Axudan as «low cost»?
-Moitísimo. O turismo subiu grazas aos enlaces das compañías de baixo custe. As mellores xa operan aquí e temos que reforzar esa vía porque, ademais, non se trata dun turismo barato: gastan menos no transporte, pero deixan centos de euros nas súas estadías.
-¿A desestacionalización é a asignatura pendente?
-Segue a ser a aposta fundamental. O verán témolo máis ou menos asegurado. O que temos que afianzar é o resto das estacións, e estamos a facelo con campañas de fin de semana que se traduciron xa en subidas do 10% de ocupación en moitos puntos. Insisto: a temporada baixa en Galicia ten moitos atractivos, como o marisco, o patrimonio ou a paisaxe. ¿Que chove? Si, pero chove máis en París e Escocia e a xente viaxa alí igual.