«Calcetar é un acto de resistencia»

Nacho Mirás Fole

GALICIA

Tradutora e cooperante, pensa que un par de agullas e un nobelo de la poden ser tan subversivos coma descubriu Gandhi fronte ao dominio británico do téxtil

30 jul 2007 . Actualizado a las 11:33 h.

Con O club da calceta ?editada por Xerais?, María Reimóndez Meilán (Lugo, 1975) vén de gañar o premio literario Arcebispo Juan de San Clemente, un galardón que ten un mérito especial porque o xurado está composto por alumnos de bacharelato de cinco institutos de Galicia.

?Que escollan a súa novela uns rapaces ten un mérito engadido...

?É moi significativo, tamén pola novela que é. É un premio que dá un grupo lector do que temos pouco coñecemento, tamén é un xeito de saber que, a este colectivo lector, lle interesa o que fas.

?A súa historia xira sobre un grupo de mulleres que se coñecen calcetando...

?A raíz de publicar este libro descubrín que son moitísimas as mulleres que calcetan, o que pasa é que este tipo de traballos están no espazo privado. En Carballo coñecín a unha concelleira que calceta, pero ninguén o sabe.

?¿Sabe de ilustres calcetadoras?

?Hai. Aparte de Penélope, a calceta, o tecido e a costura son metáforas bastante recuperadas pola literatura feminista en todos os idiomas como maneira de revisar a historia, de revisar a sociedade e esa división que a sociedade impón entre os espazos públicos e privados, que tamén teñen o seu xénero asinado. É un xeito de dinamitar esa división.

?E vostede, por suposto, calceta...

?Calceto moito para outras persoas. Gústame facer cousas complicadas, con debuxos, grecas...

?¡Unha funda de teléfono móbil de calceta!

?¡Iso faise en dez minutos!

?Eu manteño a teoría de que a nosa é a última xeración da calceta, que os nosos fillos e as nosas fillas xa non saberán facer punto...

?Eu creo que non. As mulleres seguen a transmitir eses coñecementos no espazo do fogar e é importante que se lles dea valor socialmente. No libro aparece así, como algo colateral, o tema da explotación do téxtil, unha cousa que me preocupa moito, o consumismo, a necesidade de consumir... Calcetar é un acto de resistencia, tecer a roupa, algo que Gandhi descubriu na súa época e a xente fabricaba a súa propia roupa para non estar presos do dominio que tiñan os británicos da industria téxtil. Este é un bo momento para recuperar este tipo de estratexias, porque estamos rodeados dunha industria que nos debería, como galegos e galegas, facer reflexionar. Ás veces se colle como un modelo de país que eu rexeito totalmente, feito en base á explotación de outros. Hai que reflexionar. Por iso digo que a calceta ten un poder subversivo moi grande.

?¿Considérase unha feminista militante? Non sei se o termo é correcto...

?Coido que o feminismo non é unha cuestión de militar, senón de entender a realidade dunha certa maneira. Para min, ser feminista tamén é ter as orellas moi abertas ao que outros teñen que dicir, ter unha visión global. E, por suposto, o feminismo non é só un discurso teórico, xa é un activismo. Só con ver as que temos que oír para falar da linguaxe, de tantas cousas...

?Vostede que ve outras realidades desde a ONG Implicadas no Desenvolvemento que fundou, verá que a pobreza é dobre cando son mulleres as que a padecen...

?Dobre ou tripla, todo se vai acumulando enriba do xénero. Calquera muller sempre vai ter a discriminación de ser muller.

?Hai unha frase que di: «Sempre, detrás dalgunha esquina, vai haber algún imbécil que lles lembre que non son máis ca un cacho de carne»... ¿Un tirón de orellas aos homes?

?As mulleres temos que reflexionar a nosa parte, pero son moi poucos os homes que se preocupan de forma seria e o libro é tamén unha crítica a certas posturas de homes progres, falta unha reflexión máis profunda sobre o papel de xénero dos homes.

?¿E cando lle din que as mulleres tamén poden ser culpables da difusión do machismo?

?Eu o que digo é que o sorprendente é que nos rebelemos, porque as mulleres somos as principais receptoras das mensaxes de acomodación ao patrón de xénero patriarcal. Edúcasenos para ser transmisoras desa ideoloxía patriarcal; non é sorprendente que haxa mulleres que teñan totalmente interiorizado ese discurso.

?¿Pensou en vivir de escribir?

?Non podería renunciar ao meu traballo como tradutora e intérprete, que me enriquece moito e me mantén en contacto coa sociedade. Tamén está o traballo da cooperación ao desenvolvemento, ao que dedico a maior parte do meu tempo.