Con pasaporte galego

FUGAS

27 ene 2015 . Actualizado a las 03:00 h.

Hai duas clases de viaxeiros: os que van polo mundo provistos de pluma, caderno, magnetófono ou cámara de televisión e os que simplemente van, miran e senten, sen ocuparse de compartilo con nós. Está claro que Luis Menéndez pertence ao primeiro grupo. Teno demostrado ao longo dos anos, sobre todo cos seus programas de TV, e demóstrao dun xeito especial no libro que acaba de publicar: Galleira Passport. Crónicas viaxeiras do século XXI. Os libros de viaxes son moi variados e acóllense a moitas definicións, pero eu quero referirme aquí só a unha característica que os diferenza: os que están escritos desde unha perspectiva concreta, declarada, e os que conteñen descripcións xerais sen cosmovisións definidas. No caso de Menéndez non hai ningunha dúbida: el é un viaxeiro que olla desde e para Galleira (Galicia en barallete) e que vai buscando o que nos é común ou comparte algunha raigame con nós. É a súa, pois, unha mirada condicionada por unha cosmovisión propia, que define aquilo que máis nos interesa. E esta cosmovisión, está claro, é a galega, esa forma nosa de ver o mundo e de recoñecérnonos coma parte del. Cita Menéndez ao comezo unha frase de Ryszard Kapuscinski: «A persoa que deixa de asombrarse está baleira». E así é. Coñecín ao xornalista polaco e oínlle reflexións sobre episodios e viaxes dos que informou. Kapuscinski intentaba sempre ofrecer unha versión obxectiva que servise para ilustrar por igual a todos os cidadáns do mundo. Mais, ben sabía cal era a realidade resultante: que el informaba a persoas culturalmente occidentais e que o xornalismo da suprema obxectividade (propósito irrenunciable) era algo so ocasionalmente alcanzable. Porque un é de onde é. E Luis Menéndez, sen deixar de aspirar a esa obxectividade, tamén é de onde é, e conta as cousas para os seus, é dicir, para nós. O logro esencial dun bo libro de viaxes é acurtar as distancias entre uns seres humanos e outros. O seu obxectivo é facilitar os coñecementos e mesmo engaiolarnos con eles. E nisto atinou o neodescubridor Menéndez, porque Galleira Passport é un libro que nos leva por tres travesías vencelladas con nós: a lusa (Mozambique, Angola, Brasil?), a celta (Irlanda, Escocia, Gales?) e a oriental (desde as repúblicas bálticas a Chipre). Toda unha diversidade que se unifica na ollada dos cidadáns de Galleira.