O fillo da concelleira Elia Rico opta a substituír no Concello á súa nai
20 abr 2011 . Actualizado a las 14:07 h.O número tres do BNG en Ferrol é Iván Rivas Rico (A Pontenova, 1976), un arquitecto con estudio propio e cun máster en rehabilitación e fillo da concelleira nacionalista Elia Rico, que se vai.
-¿Por que decidiu estrearse en política?
-Non é que me estree porque sempre participei en política a nivel de asociacións, creo que todos actuamos en base a criterios políticos e na situación actual máis, cando os partidos estatais dan a espalda ás maiorías sociais e seguen os ditados do FMI, Banco Central Europeo. Temos que actuar.
-E quere actuar dende o Concello de Ferrol.
-Si.
-Como fillo de Elia Rico parecía inevitable que fora co BNG.
-O feito de que existan concomitancias de pensamento no meu contorno próximo non solo no meu núcleo familiar para min é un reconforto porque as vinculacións emocionais que iso supoña reafirma que estás no camiño correcto e no lado correcto.
-¿Que consellos lle da a súa nai?
-A relación que teño coa miña nai é persoal e a relación política é como con calquera outro membro da organización.
-Faga un balance do goberno socialista de Vicente Irisarri para ben ou para mal.
-Vouche falar de solucións para Ferrol. Eu creo que hai catro aspectos sobre os que imos incidir dunha maneira directa e activa: o levantamento do veto á construción naval civil de Astano, a modernización das infraestruturas ferroviarias coa electrificación das vías e a creación dun by pass en Betanzos para ter unha conexión boa co resto de Galiza...
-As infraestruturas ferroviarias son unha das grandes teimas do BNG, xa de cando Francisco Rodríguez estaba de deputado no Congreso dos Deputados...
-Si, conseguindo orzamentos para a execución desas reformas e que por parte do Concello non se executaron. A terceira solución sería a rexeneración da ría e a cuarta establecer unha relación diferente co Ministerio de Defensa pola ocupación dos terreos que supoñen máis do 20% do solo urbano do municipio, pagando os impostos que lle corresponden e cedendo de maneira gratuíta os espazos que non utiliza.
-¿En que aspectos prácticos cambiaría a cidade se a goberna o BNG?
-Eses catro eixos son reais e prácticos e van facer que Ferrol poida ter certos visos de futuro para poder saír desta situación de escepticismo, de resignación, de pensar que aquí non se pode facer nada. Tamén é certo que a situación non é derivada da crise actual senón das diferentes políticas de PP e PSOE.
-¿Pensan xa nun pacto postelectoral de esquerdas?
-O que nos interesa a nós é despois das eleccións municipais saber como vamos a poder vehiculizar de maneira axeitada as demandas sociais que está xestionando o nacionalismo.