Os homes e mulleres de Esteiro que teñen algúns anos máis ca min lembran os malos tratos que moitos cabos e sarxentos daban aos quintos do Cuartel de Dolores cando saían a facer a instrucción no Cadro de Esteiro e no Campo de Batallóns.
Ás veces os abusos eran tan brutais que as mulleres que ían tender, regar ou recoller a roupa, enfrontábanse a eles, pero non valía de nada. Cando a un quinto que acababa de apañar unha labazada tremenda lle saiu da alma un «¡Ay, mi madre!», o cabo que lle zoupara respondeulle: «¡Ay, la mía cuando yo era quinto!!». Coido que nese brevísimo diálogo está a explicación dunha actitude indigna, que se repetiu ano tras ano e que desapareceu totalmente cando foi nomeado coronel do Tercio Norte o ferrolán José Enrique Rivas Fabal, quen impuxo novas normas de conducta entre mandos e soldados, dentro e fóra do cuartel, e entre os militares e a poboación civil.
O coronel Rivas Fabal, con gran prestixio militar, era o autor da Historia de la Infantería de Marina Española e pertencía a unha familia moi querida na cidade. As irmás, as Fabalas, eran propietarias dunha coñecidísima mercería nos Cantóns.
Ao coronel Rivas Fabal sucedeuno o coronel Aud, que xa fora colaborador seu como capitán. As familias máis necesitadas de Esteiro gardan gratísima memoria do capitán Aud, responsable das cociñas, que sempre dispoñía para elas o que sobraba nas perolas. Naqueles anos de fame había quen ía polo rancho en cacharros de folla de lata, que nin potas, nin tarteiras tiñan. Tamén os nenos que vivían arredor do cuartel e pasaban moitas horas xogando en Batallóns participaban do reparto que se facía no campo de fútbol pequeno, que os veciños coñeciamos como o campo de barro, hoxe coberto de chapapote e convertido en aparcamento de coches.
Aqueles nenos e nenas dos primeiros anos coarenta asistían aos ensaios que a Banda de Música do Cuartel de Dolores facía no campo, e pasábanlles as follas da partitura aos músicos. Todos coñecían o himno de Infantería de Mariña, e todos sabían que daquel cuartel saíra o soldado Lois, natural de Ordes, quen o 7 de setembro de 1937 salvara o cruceiro Baleares, cunha acción tan heroica como estarrecedora, ao coller nas mans un misil ao roxo vivo e, sobrepoñéndose á dor, por se converter el mesmo nunha labarada, lanzalo á mar. Morrería ás poucas horas.
O coronel Aud era santanderino, pero repetía que se sentía ferrolán e de Esteiro, e demostrábao facilitando locais para que ensaiasen as rondallas, poñendo os bancos e mesas de pedra en Batallóns para que os xubilados poidesen botar a partida, e dicíndolles aos de pensións máis baixas que pasasen polo estanco do Zoqueiro a buscar un macillo de tabaco, e que llo anotasen na súa conta.
Pero polo que os coroneis Rivas Fabal e Aud serán recordados por moitísimos ferroláns é por permitir que a Liga de Fútbol de Modestos se xogase no campo do Cuartel de Instrucción.
Aqueles encontros entre Ferrándiz, Esteiro, Ánimas, Galiano, Canido, Portuarios, Galicia de Caranza e Libunca, espertaban na cidade unha expectación case, case, como a que se viviu recentemente co Mundial de Sudáfrica.
Como os nenos de hoxe admiran a Íker Casillas, admiraba eu a Balado, o porteiro do Ferrándiz, que era cuñado de Pepe Santos Gilabert. Como os nenos de hoxe flipan cos goles de Villa, flipaba eu cos goles de Alvarito, dianteiro do Ánimas, que chegou a fichar polo Real Madrid, e que logo foi compañeiro meu na Oficina Técnica de Bazán. Porque aínda que eu tiña o corazón co Ferrándiz -por ser directivos meu pai e meu cuñado Paco-, aplaudía aos xogadores de talento, fosen do equipo que fosen.
O primeiro gol olímpico que vin na miña vida meteuno Herrerita, do Galiano, na portería máis alonxada do cuartel e desde o lado dereito do porteiro.
E cando Zinedin Zidane meteu aquel gol de bolea, incrible, na final da Copa de Europa, no 2002, eu non sufrín un infarto porque cincoenta anos antes, vira facer algo semellante a Lesio, do Esteiro. Vamos, que vivín a épica da roxa en Sudáfrica sen sobresaltos, porque, para emocións fortes, as dos encontros Ferrándiz-Esteiro en Batallóns.