Cun mínimo de investimento

La Voz

FERROL

05 jun 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Botarlle a culpa da decadencia do barrio da Magdalena á crise económica é a postura máis fácil para todo o mundo: para o Concello de Ferrol porque así non ten que preocuparse de realizar políticas creativas para a dinamización de Ferrol en xeral e do centro en particular, ou de resolver o caos circulatorio que padecemos un día si e outro tamén na Magdalena. Fácil para os propietarios dos locais comerciais porque así ningún se preocupará do prezo excesivo que se cobra por alugar un local no barrio da Magdalena. Fácil para os comerciantes do centro porque ningún se terá que preocupar se os comercios de Ferrol se adaptaron ás novas circunstancias da sociedade. Fácil para os especuladores que nada máis se preocupan de acaparar edificios co único afán de acelerar o seu deterioro e obter un solar do que sacar grandes rendimentos económicos, e fácil tamén para os residentes do barrio que así teñen unha desculpa máis para ir de compras a A Coruña. Pero iso é o fácil, coa crise levamos dous anos e o peche de locais en Ferrol ven de atrás, logo ¿qué outra explicación temos para este declinar de Ferrol? ¿Qué se pode e debe facer para cambiar esta tendencia?

A solución non depende só do Concello ou dos comerciantes, propietarios e residentes individualmente, senón que será a actuación conxunta de todos os que lograrán reactivar a Magdalena.

É urxente que os políticos, sexa cal sexa o seu signo, definan que queren, como e cando facer no centro histórico de Ferrol. Se se aposta pola peatonalización, que se tomen as medidas necesarias para que esta sexa una realidade no menor tempo posible.

Os donos dos locais deberían ir pensando que é preferible baixar o prezo do aluguer nun 20 ou 30, incluso un 40% e garantir a ocupación do seu local por longo tempo antes de velo baleiro e deteriorándose ano tras ano.

Está demostrado que os ferroláns acuden masivamente cando se lles ofrece una boa oferta, xa sexa cultural (Jofre), de ocio (Festa de Ferrol e Antroido), ou relixioso-culturais como é o caso da Semana Santa.

¿Por qué os comerciantes, hosteleiros e Concello de Ferrol non se preocupan de dinamizar o barrio da Magdalena o resto do ano, con actuacións, tanto culturais, como musicais ou de outra índole, que atraian aos nenos, á xuventude, e deste xeito lograr que os maiores tamén estean «obrigados» a acudir ao centro?

Tal vez, cun mínimo de investimento se logre que os residentes non teñan a desculpa para ir de compras á cidade de A Coruña, e tal vez tamén, se logre que o resto da bisbarra teña interese por volver a visitar a Magdalena.