Praza de España, punto de encontro

? Víctor Sixto ?

FERROL

Parece que despois de tantos e tantos anos nos que os ferroláns e as ferrolás nos vimos privados do uso e gozo da praza de España, por fin podemos ver no horizonte o final dun longo e tortuoso percorrido.

Para aqueles de nós que nas estatísticas oficiais xa non somos recoñecidos como xóvenes, quedará no noso recordo unha praza de España centro neurálxico do tráfico da cidade. Un punto de paso case que obrigado entre calquera parte da cidade. Pero a praza deixou de ser xa o que foi e dará paso a un novo espazo de relación e vida. Encherá o noso recordo con fotografías dun futuro no que poderemos ver unha praza de España GAÑADA polas persoas: xente e máis xente entrando e saíndo de tendas e cafetería, nenos e nenas correndo, pais e nais xogando cos fillos, unha pandilla de rapaces do instituto sentados ao redor dun banco, unha xubilada paseando, unha universitaria apoiada lendo un bo libro mentres que nunha terraza un par de amigos escoitan un concerto dun grupo de pop, despois de ter saído da piscina do centro deportivo.

A nova praza de España está chamada a ser o novo centro neurálxico de Ferrol: centro cultural, deportivo, de ocio e de comercio. Un punto de encontro para Ferrol a as súas xentes. Eu teño a esperanza e case o convencemento de que a finalización da praza de España vai supor un punto de inflexión no desenvolvemento da nosa cidade.

Esta finalización demostrará que a razón pode imporse a sinrazón que rodeou todo o proceso da súa transformación. Demostrará que hoxe non ten sentido buscar culpables nun proceso onde, se miramos con certo sentido crítico, todos somos parcialmente culpables. Demostrará que o problema que supuxo a praza de España para todos e todas nós, non é nin será un problema de carácter, exclusivamente, político. Tantos anos de obras e tantos problemas supuxeron unha grave perda de confianza nas nosas propias capacidades e Ferrol foise, pouco a pouco, sumindo nun sentimento de impotencia que mudou en apatía.

Pero hoxe, para que explotemos as oportunidades que para Ferrol supón dispoñer dun novo espazo como a praza de España, precisamos que as xentes do comercio e a hostalería fagan unha aposta decidida pola praza e as oportunidades que da súa finalización se derivan. Precisamos que o Concello e os grupos municipais aposten por pechar unha porta a abrir unha nova de esperanza e precisamos que a cidadanía volva a gozar da praza e que sinta que con ela gañamos un novo Ferrol e un novo futuro.