Kathleen N. March: «Rosalía era moi galega, feminista e universal»

Raquel Rodríguez

FERROL

Kathleen é unha entusiasta da obra da autora da que admira a súa capacidade para captar as relacións sociais

05 mar 2010 . Actualizado a las 12:48 h.

Kathleen March é unha hispanista norteamericana e catedrática de linguas modernas da Universidade de Maine. Hoxe estará na Facultade de Humanidades de Ferrol dando a primeira conferencia das xornadas sobre o 125 aniversario da morte de Rosalía de Castro titulado Rosalía como novelista, organizada pola Sociedade Cultural Medulio.

-¿Como naceu o seu interese pola obra de Rosalía?

-Tiña referencias dela como escritora feminina e provinciana, pero empecei a descubrir que había moito máis detrás dese tópico. No ano 85 organicei un congreso adicado á súa figura, e foi como comecei a interesarme pola súa obra.

-¿Que aspectos destacaría da súa visión como novelista?

-Ela nunca perdeu a conciencia de ser galega, pero interesouse moito por mulleres que estaban a facer literatura noutros países. Era moi galega, moi pro-muller e moi universal. Hai un antes e un despois do ano 85, cando a crítica comeza a contar con ela. Ata entón non se entendía a súa complexidade.

-O feito de ser muller, feminista e nacionalista no seu tempo a sitúa como unha verdadeira precursora.

-Foi precursora porque era muller e lectora preocupada polo saber. Na súa obra os dereitos da muller e a situación do rural galego están moi presentes. Nunca esquece as raíces.

-¿Atopa algún punto de unión entre as súas novelas?

-Todas comparten a visión dunha muller que se expresa seria e abertamente a través da literatura; a responsabilidade de recoñecer o valor do home, pero tamén a reivindicación da dignidade da muller, non sometida. Pero quizais o que máis me impresiona dela é a súa capacidade de captar a realidade das relacións sociais.

-O enfoque feminista está moi elaborado na súa obra, a ironía é moi sutil.

-Era a forma de combatir a censura. O prólogo de La Hija del Mar ten unha ironía moi profunda, e Flavio é unha verdadeira denuncia do machismo romántico. No Caballero de las botas azules non se veu nela o seu verdadeiro significado. Rosalía tiña a capacidade de facer verdadeiras caricaturas de certos tipos sociais.

-¿Cree que queda moito por coñecer da autora?

-Penso que todavía é unha grande descoñecida. Debería haber máis investigacións sobre ela, xa que de santa non tiña nada, senon non escribiría con esa ironía e complexidade.