«¿Publicar un libro?... Iso para min sería un soño»

B. Antón

FERROL CIUDAD

A Gala Dacosta gústalle facer ballet, «andar no ordenador» e, sobre todo, inventar historias feitas de palabras e papel. Tal vez porque o leva no sangue (é filla do escritor ferrolán Henrique Dacosta) ou quizais porque le desde que era ben pequena, un bo día púxose a escribir. E pronto descubriu que non o facía nada mal. Proba disto é que esta rapaza de once anos, alumna do Cruceiro de Canido, vén de conseguir os dous primeiros premios do certame de narracións do IES Ferrol Vello.

-¿De que tratan os teus relatos?

-O que gañou na modalidade de galego titulase Unha carta para Xana e trata sobre unha rapaza a que lle gusta moito a poesía e un día atópase cun descoñecido que resulta ser o seu pai. O outro, que quedou primeiro na categoría de castelán, é unha historia fantástica sobre unha lagoa máxica, na que a materia inerte pode cobrar vida. Tituleino La laguna verde y el misterioso señor Frederich .

-¿Resultouche complicado o proceso de escritura? -Non me pareceu difícil porque fun improvisando sobre a marcha. A medida que escribía ía imaxinando o resto da historia e así fixen os relatos.

-¿Lembras o primeiro libro que liches na túa vida? -Non, iso non o lembro, pero si recordo que un dos primeiros que máis me gustaron foi El enigma del séptimo paso , de Tonke Dragt.

-¿Algún outro autor polo que sentes predilección? -Tamén me gustan moito Michael Ende e Cornelia Funke.

-Moita xente di que os rapaces prefiren ver a tele que ler. ¿Ti que opinas? -Eu penso que non é certo que aos nenos non lles guste ler. Pode ser que haxa moitos rapaces que prefiran ver a tele ou xogar coa consola, pero iso é algo que ten que ver máis cos pais que cos nenos. Ademais, eu teño moitos amigos que len.

-¿Sabes xa o que queres ser de maior? -Si, escritora e xornalista ou, se non, escritora e mestra de lingua galega.

-¿O feito de que o teu pai sexa escritor influíuche á hora de escribir? -Os meus pais metéronme o hábito da literatura desde pequena, así que supoño que algo si me influíron, pero eles non me din que libros ler. Iso faloo máis cos amigos.

-Para ti, publicar un libro sería... -¿Publicar un libro? Iso para min sería un soño.