Do branco ao negro

Xan Rodríguez Silvar

FERROL

Nesta época do dixital compre lembrar que na Fotografía, así con maiúscula, a que ten máis de 150 anos, a do branco e negro, o momento da verdade era o positivado. Era no cuarto escuro cando a luz que atravesaba o negativo impresionaba as sales de prata do papel para que, tras duns momentos de emoción no líquido revelador, a imaxe xurdira para revelar o acerto ou fracaso da instantánea. Pouco que ver coa inmediatez de hoxe, cando feita a foto ou o vídeo no móbil mándase pola rede, á impresora, ou ao laboratorio da esquina. Tras do positivado, feito por un ou recollidas e pagas as fotos na tenda, viña a exame crítica da foto: cantos máis matices de gris tivera, mellor resultaba a imaxe. A ser posible, abranguendo toda a gama, dende o negro ao branco puros. Así eran cativas as fotos con poucas tonalidades e contrastes, e gañaban á vista cando amosaban unha boa riqueza tonal.

Un ten para si que a vida cotián, a realidade -calquera cousa que iso sexa- a percibimos as persoas á maneira da fotografía clásica. O que acontece chéganos con matices que cada un interpreta ao seu xeito, faltaría máis. Hai entre nós quen tende ao claro, hai para quen as escuridades dominan a vida. Case sempre todos levan algo de razón e case sempre estamos máis ou menos errados, xa que opinamos tanto influídos polas nosas crenzas e experiencias como pola calidade da información de que dispoñemos. Poden os medios de comunicación ser parcos ou excesivos na selección e o tratamento da información, pode estar ben traballada e presentada ou intencionadamente sesgada, ese é o xogo do que lectores e espectadores debemos coñecer as regras para ter unha opinión fundada. Dende esta columna tentarase achegar unha colección de instantáneas da vida con todos os matices posibles e co compromiso, ao xeito do fotógrafo de cámara e laboratorio, de asumir o dito dende o encadre, a composición e o procesado para dar, sempre, unha opinión en positivo.