Tomás Corral Vilar é o novo presidente da Xunta de Montes Comunais de Marraxón, na parroquia fenesa de Santa Mariña de Sillobre. Xestiona un espazo verdadeiramente histórico. Un lugar que forma parte da historia galega pola súa abundancia de vestixios arqueolóxicos, e tamén porque as terras en man común de Marraxón foron protagonistas dun proceso de reclamación veciñal iniciado en pleno franquismo, que despois abriu o camiño para iniciativas semellantes en toda Galicia. Cando décadas máis tarde daquilo Sillobre, antigo concello, conseguiu por fin a devolución dos seus montes, por desgraza xa non vivía ningún dos comuneiros que os reclamaran en plena ditadura.
-Preside vostede unha xunta de comuneiros integrada na súa totalidade por xente nova.
-Si, xente moi nova. E estou asombrado vendo con qué entusiasmo se están a implicar todos na xestión dos montes comunais de Marraxón.
-¿Cal é o seu primeiro proxecto?
-O que nós queremos é poñer en marcha un proxecto integral para o monte, que inclúa desde repoboacións, preferentemente con especies autóctonas, alí onde sexa posible, ata a instalación dun mirador no punto máis alto das terras comunais e a creación dun área de ocio pola que a xente poida pasear tranquilamente nun espazo natural incomparable. Os montes comunais de Marraxón teñen unha paisaxe privilexiada, son máis de 26 hectáreas de superficie situadas nun lugar desde o que se domina, por exemplo, toda a ría de Ferrol.
-¿Por que sofre tanto abandono, en xeral, o monte galego? Ese abandono que acaba favorecendo a proliferación de incendios...
-No fondo é un problema económico. A xente bota contas, e decátase de que ao final a rendibilidade do monte, se de verdade o coidas, o limpas e te encargas de repoboalo, é moi discutible. Algúns estamos empeñados en coidar os montes, en invertir esa dinámica, pero fácil, a verdade, non é. Por iso eu creo que é unha cuestión que ten que ir moito máis aló do puramente monetario. Hai que saber que a importancia dos nosos montes vai moito máis alá do que son os cartos.