«Como touciño, viño, café, pero a miña especialidade é traballar»

AS PONTES

08 nov 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Salustiano Ameneiro Vázquez é simplemente labrador. Non sabe ler nin escribir, pero é un sabio. Intercala cada dous por tres refráns e citas para contestar con moito humor e retranca ás preguntas. O sábado cumpriu 88 anos e aínda anda nas leiras plantando nabos. Tamén ten vacas, porcos e galiñas na súa casa de Pontoibo (As Pontes), na que vive coa súa muller.

-¿Como é que traballa tanto?

-Porque me gusta moito o campo, aquí está todo, aínda que non enriqueces. Toda a miña vida tiven vacas e cavei nos montes.

-E se volvese a nacer...

-Volvía ao mesmo.

-Todos os anos aínda fai de subastador de produtos do campo na festa de San Vicente de Pontoibo. ¿Canto leva con iso?

-Cincuenta anos. Cando empecei coa puxa soamente había maínzo e patacas, agora veñen queixos, roscóns e ata botellas de coñac.

-Pero ¿non se cansará?

-Cando aljo justa non asusta. Non me canso, non.

-Di a súa filla Pilar que pasa todo o ano esperando pola puxa de San Vicente, que é o máis importante para vostede.

-Bueno, importante é que haxa saúde e ter tranquilidade.

-Con 88 anos ¿a que ten un medo?

-A nada, solo a padecer.

-Pero de saúde anda moi ben.

-Si, pero de aquí non somos.

-¿Como se coida?

-Pois como touciño, bebo viño, café... Pero a miña especialidade é traballar, aínda que teño as mans encollidas pola artrosis.

-Disque é moi independente.

-Teño que selo, é moi importante seguir no sitio no que naces.

-Tamén disque é moi querido en As Pontes.

-Ata as pedras me coñecen, si. Sempre deixei o camiño moi limpo, supoño que por iso...

-Segundo a súa filla é poeta.

-Ditei algunhas cousas, como son un analfabeto.

-¿Que pensa da xuventude?

-Os novos parecen máis amargos que antes. Eu cando tiña vinte anos e íamos ás festas, xa cantábamos polo camiño. Aínda agora, ¡o que justa cantar e bailar!