Callón: «Moita xente nova de Ferrol quere dar o salto ao galego»

FERROL

O feito de que Ferrol sexa, entre todas as cidades galegas, e segundo o último estudo levado a cabo polo Seminario de Sociolingüística da Academia, a que presenta o índice máis baixo de uso da lingua galega entre os rapaces, «non é irreversible». Así o afirma o presidente da Mesa pola Normalización Lingüistica, Carlos Callón, para quen o feito de que no casco urbano ferrolán no chegue ao 2 por cento a porcentaxe das persoas de entre 15 e 24 anos de idade usan o galego como lingua principal responde a unha tendencia que aínda pode ser invertida.

«Hai moita xente nova de Ferrol que quere dar o salto ao galego con normalidade -di, a este respecto, Carlos Callón-, mais non ten os espazos de uso para facelo. É responsabilidade dos poderes públicos garantir eses espazos». «O proceso de substitución do galego polo castelán -apunta o presidente da Mesa- sempre foi máis forte nas cidades, porque é aí onde están os centros de poder que impoñen o uso do español de diferentes formas, toda a maquinaria administrativa e burocrática que prioriza o español, as empresas públicas ou as grandes empresas privadas...».

Da oferta e da demanda

Aínda así, anota Carlos Callón, e «mesmo con estes negativos datos na man, temos que indicar que en Ferrol hai moita máis demanda de galego que oferta de galego. Cada mes -sinala- chégannos queixas á Mesa Pola Normalización Lingüística de mulleres e homes de Ferrol que ven dificultado o seu dereito a vivir en galego en diferentes ámbitos da vida diaria».

Observa Callón ademais que «o que acontece en Ferrol de xeito máis agudizado é un proceso que se dá en toda Galicia, mais o proceso non é irreversible; a inmensa maioría dos ferroláns entenden o galego e desexan a súa promoción. Cómpre que os poderes públicos (o Concello, a Xunta, a Administración do Estado...) asuman a súa responsabilidade e garantan o dereito do conxunto da cidadanía a poder vivir en galego».

A Mesa pola Normalización Lingüística veu facendo notar estes días, en calquera caso, a súa fonda preocupación pola situación que está a vivir o galego nos espazos urbanos da comunidade autónoma. Aínda que en ningunha das restantes ciudades a situación da lingua é tan grave como en Ferrol, a entidade que lidera Carlos Callón está a chamar a atención sobre un proceso que fai que, a día de hoxe, os datos de uso do idioma entre os habitantes das áreas urbanas menores de 35 anos sexan os peores da historia.

No conxunto de Galicia

A todo isto únese o feito de que no conxunto de Galicia, a día de hoxe, só o 20% da poboación tivo o galego como primeira lingua na súa infancia. Un dato especialmente relevante, tendo en conta que no ano 1992 os galegos que aprenderan a falar no idioma do país eran máis do 60%.