Eliseo Diéguez, director do Instituto Enerxético do Galicia, asegura que 200 xa adoptaron iniciativas de aforro.
21 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.O director do Inega, enxeñeiro industrial e ex alcalde de Rodeiro, advirte que ás veces a iluminación pública resulta excesiva.
-¿Canto gasta a Xunta en eficiencia enerxética?
-No exercicio 2010-2011, destinamos 21 millóns de euros. É unha cantidade importante e prevemos que se aforren tres megavatios por hora anuais e 16 millóns de euros. Tamén aforraremos en emisións á atmósfera 78.000 toneladas de CO2.
-¿Cantas bombillas subvencionou a Xunta para mellorar o consumo?
-A cantidade exacta non a sei, pero no conxunto dos concellos supón un aforro que oscila entre un 30% e un 40% da enerxía que consume a iluminación. Falamos de centos de miles, porque un concello pequeno supera as 1.500 e un grande ten máis de 100.000. Hai 200 que adoptaron xa medidas de eficiencia.
-¿Cal é o aforro nun casa de 90 metros?
-Un 30% da factura final.
-Algúns concellos non teñen nin para pagar a luz... ¿Hai dispendios á hora de encender ou apagar a iluminación pública?
-Entendemos que a situación dos concellos neste momento é moi delicada. Pola miña experiencia como alcalde, entendo que se pretende dar un servizo á medida das necesidades dos cidadáns. Podemos considerar que ás veces no concello a iluminación é excesiva e necesita un control, e por iso nós propoñemos a figura do xestor enerxético municipal. Ademais temos liñas de axuda, que poden alcanzar o 75%, en moitos casos, en iluminación pública, e un 40% para outras medidas de aforro, como poden ser as caldeiras de biomasa.
-¿En que consistiría o papel do xestor enerxético municipal?
-É unha figura de control que estaría dedicada a ver as posibilidades que ten o concello de aforrar enerxía. Sería do propio concello, contratada ou funcionaria, e estudiaría todas as instalacións enerxéticas, para introducir novos elementos que puideran mellorar o servizo. Estaría sempre pendente de tratar de cambiar as lámpadas actuais na rede pública, para que poidan ser de baixo consumo, ou de instrumentar un control.
-¿Xa non somos potencia eólica?
-Seguimos sendo. Agora estamos por debaixo de Castela e León en megavatios instalados, pero no 2010 a produción eléctrica da eólica foi maior en Galicia que noutras comunidades, polas características do vento, máis forte e constante. A producción foi de 8.416.374 megavatios/hora, superior á de Castela e León nun 8%.
-¿Que percorrido teñen as enerxías solar e fotovoltaica?
-Galicia depende un 83% do exterior en enerxía primaria. Estamos potenciando a solar e fotovoltaica. Alemaña ten menos radiación solar e hai moitísimas instalacións. Aquí temos axudas de carácter xeral para que concellos e particulares poidan acollerse a elas. Pero tamén para biomasa. En Galicia o seu crecemento é catro veces superior ao norte de Europa.
eliseo diéguez director do instituto enerxético de galicia (inega)