«Cada vez máis vigueses rexeitan a mensaxe da crispación»

Miguel A. Rodríguez

ECONOMÍA

Arrincou en Vigo unha campaña a prol da fusión financeira galega para facerlle fronte ao clima xerado polo seu socio de goberno, o socialista Abel Caballero, máximo detractor da alianza das caixas. Lamenta a crispación social que está a provocar o alcalde, ao que culpa de manter unha posición «partidista». Pero cree que será a xente «a que coloque a cada quen no seu sitio».

-¿Haberá fusión das caixas?

-Nós queremos. É o que as forzas vivas están demandando e ademais é a única solución para que o poder financeiro quede en Galicia. Cada vez hai máis xente convencida de que unir as nosas caixas con entidades de fóra é debilitar a Galicia no conxunto do Estado. -Fala o tenente de alcalde de Vigo. Pero o seu alcalde di o contrario. ¿Enténdeo? -El representa ao PSOE. Eu ao BNG. Respecto as opinións de todo o mundo. O único que pido é que se informe con claridade á xente. Eu non me teño que pregar á decisión de ningunha forza política de Madrid. -¿Provoca unha fractura social a radicalización da mensaxe do alcalde coas caixas? -O que é malo é dicir que o que non está de acordo cunha opinión determinada está en contra da cidade. -Manifestáronse 20.000 persoas contra a fusión (83.312 segundo a alcaldía). ¿Abondan para representar a Vigo? -Non hai un clamor maioritario. Hai que informar á xente. -¿Que lle pareceu peor do que se dixo sobre as caixas? -Que se trate a un vigués con aforros en Caixa Galicia como se fose menos vigués ca outro que os ten en Caixanova. Non podemos estar historicamente coa loita de Vigo contra A Coruña, porque iso debilita a Vigo, a Coruña e a Galicia. -Caballero ten dito que este asunto sería a tumba política do BNG en Vigo... -A tumba política do BNG non serán as caixas. Creo na democracia. E a cidadanía porá a cada quen no seu sitio. Cada vez máis vigueses rexeitan a mensaxe da crispación. Moitos dubidan se os que din defender a Vigo están en realidade defendendo intereses partidistas. -¿Sobreactúa o alcalde? -Non estou na mente de Caballero. Temos posicións distintas. Pero iso non vai interferir no noso pacto de goberno. A relación é estable. Este goberno presentará ao final da lexislatura unha gran xestión. -¿Cal é a súa mensaxe para os cidadáns e para o rexedor local ao respecto da fusión? -Para a cidadanía, que se informen para ter unha idea clara do que significa unha fusión galega paritaria, e que se informen do que é un SIP ou unha alianza con caixas de fóra. E ao meu socio de goberno dígolle que esta cidade merece que traballemos por ela e non pola ruptura da sociedade. -¿Non perde espazo o BNG co traslado da negociación sobre a lei de caixas a Madrid? -Para nada. O BNG está marcando os tempos. Se hai unha nova lei de caixas é porque o BNG tomou a iniciativa. Feijoo non pode ir a Madrid a negociar calquera cousa, porque sabe que o BNG estará detrás para contestar se ao final hai unha baixada de pantalóns. E se pensa recorrer o FROB é porque detrás hai unha forza que así o reclama en Madrid e Galicia. De non existir o BNG, Caixanova e Caixa Galicia estarían xa vendidas. -¿Qué defende o PSdeG? -É difícil sabelo, porque o PSdeG desmárcase da mobilización de Caballero. O PSOE vigués apóiaa. En Coruña queren a fusión. En privado algúns socialistas galegos non entenden a postura do seu partido. En Madrid o señor Blanco e o señor Zapatero din cousas diferentes... Non sei cal será a saída do PSOE porque este partido non ten unha posición real. -Hai crispación social en Vigo coas Caixas e tamén entre as institucións. ¿Por que pelexan o Concello e o porto? -Sempre se xoga co porto de Vigo. A día de hoxe non ten un plan de usos que planifique o seu desenvolvemento. O porto utilizouse exclusivamente como trampolín político. O exemplo máis claro témolo coa actual presidenta da Autoridade Portuaria. Cando Corina Porro era alcaldesa esixíalle licenzas ao presidente do porto, que era Abel Caballero. Agora ela está no porto e tira para adiante sen licenzas. Perdemos tráfico de mercadorías e empregos, e a prioridade é unha fonte de grandes chorros que costa tres millóns de euros. Así nos vai. -Van tres anos, e Vigo sen depuradora. ¿Por que? -Ministerio e Xunta non se poñen de acordo. Temos unha ameaza de multa da UE de 20 millóns, e unha ría en perigo. Pero hai intereses electoralistas que impiden o acordo. Caballero tense que ir ao Ministerio para que se deixen de parvadas. E o PP facer o mesmo coa Xunta. -Non vale laiarse. Vostede forma parte do goberno. -Se o BNG tivera maioría no goberno as cousas serían moi distintas. Pero temos a representación que temos. -Galicia chega tarde ao AVE, e Vigo aínda máis. ¿Quen ten a culpa? -A falla de vontade política. Cos niveis orzamentarios e de execución actuais non imos ter AVE no 2015. E que Vigo chegue aínda máis tarde é especialmente grave. A cidadanía debe tomar nota das promesas e do que logo se cumpre. -¿Será o candidato do BNG en Vigo no 2011? -Quero selo e non me escondo. Pero a decisión será do BNG.