Coa súa lei, Gallego empeñouse en que as políticas de igualdade chegaran á pesca. Agora falta saber si estará ao fronte da consellería cando teña que haber paridade nas confrarías
06 ene 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Custou, pero ao final Gallego foi quen de amadriñar antes de que rematara a lexislatura esa nova lei pola que clamaba a pesca galega. Agora hai que ver se será ela quen guíe e vixíe os seus primeiros pasos.
-¿Qué posibilidades hai de que sexa Gallego quen aplique a «lei Gallego»?
-Hai partes que xa entraron en vigor ao publicarse a lei, como a Axencia Galega de Desenvolvemento Sustentable, da que estamos ultimando o decreto para que se aprobe este mes no Consello da Xunta. O resto, o fará en seis meses, e antes hai un proceso electoral... O futuro dirá. As decisións sobre as listas tómaas o partido; evidentemente, todos estamos traballando para ter un magnífico resultado e, despois, será o presidente quen decida o Goberno. Por tanto, hai que respectar esa autonomía e decisión.
-Pero ten a súa disposición.
-A miña disposición estará sempre a favor do meu partido e da política pesqueira. Nacín traballando na pesca. É o que máis me gusta facer e o vou facer sempre. Fíxeno na oposición como portavoz de Pesca, fíxeno sen estar en política dende o propio sector, fágoo agora como conselleira, e o farei no futuro onde me toque estar.
-Tras un Nadal pobre en prezos, ¿a lei será suficiente para sacar á pesca da crise ou precisará dun plan específico?
-As estatísticas hai que velas en conxunto. Só cando pechemos o 2008 e vexamos a evolución de capturas e prezos poderemos ter unha idea real da situación. Dende logo, a produción non baixou nos últimos anos. Ao revés, incrementouse, como o fixo o prezo e o rendemento económico. Iso ten que ver coas políticas de recuperación que se fixeron con gran sacrificio do sector. ¿Chegará a lei? A lei senta bases; a partir de aí depende de como nos responsabilicemos todos. Quedan cousas nas que aínda non fomos capaces de traballar moi a fondo, sobre todo no eido do mercado.
-No dos mercados e no dos convenios colectivos, ¿non?
-Ningunha das tres mesas de diálogo que constituímos tiveron resultados e sería moi necesario que patronal e sindicatos pacten unha regulación laboral na pesca extractiva, como xa teñen a conserva, o conxelado e a acuicultura mariña en terra. Ese acordo é necesario para favorecer a incorporación de xente ao sector e para darlle un prestixio que aínda non ten nese eido. Hai que seguir tentándoo e, a través das ordes de axuda, incentivar os proxectos das entidades que apostan pola regulación laboral.
-Se non hai crise, ¿por que hai «pelexas» por despezar?
-Non hai tantas. Forma máis da lenda que da realidade. Queremos ter unha flota moderna, segura, equipada e que, ademais, os dereitos de pesca se queden en Galicia, para que teñamos máis capacidade extractiva. Por iso nós, paralelamente á orden de paralización definitiva, á que no 2008 dedicamos 24 millóns, estamos facendo co Igape as operacións para avalar a compra de dereitos de pesca por parte dos armadores galegos.
-Pero agora se apuntan barcos que non chegan a 10 anos.
-Pode haber buques atravesando unha mala situación e que crean que a única saída é o despece. Nós puxemos varios instrumentos ao servizo da flota para intentar que o despece non sexa a única saída. Por exemplo, acabamos de publicar unha orden de axudas de 14 millóns para proxectos de comercialización e estamos seguros de que van servir para xerar máis valor engadido. Tamén traballamos co Igape e con sociedades de garantía recíproca para que os armadores teñan un instrumento para facer o mesmo que o resto das empresas do país: avales, refinanciamento de pasivo... Accións que poden axudar a un armador a saír da crise sen ter que plantexarse o despece. Despezar é destruír empresas, e iso non convén en tempos de crise económica. De todos xeitos, despeces vai haber todos os anos.?