O conselleiro de Industria defende que o sector da súa competencia é o motor da economía e ratifica a aposta da Xunta polas enerxías renovables
06 ene 2008 . Actualizado a las 02:00 h.A Consellería de Industria vén de publicar no DOG o decreto eólico, o proxecto estrela do nacionalista Fernando Blanco, co que se pretende abrir o negocio do vento a todos os operadores e buscar fórmulas para que parte dos beneficios revertan na sociedade galega.
-De momento os produtores no presentaron recursos. ¿Estamos cerca da paz eólica?
-Penso que como asociación non presentarán recurso. Hai empresas que están conformes co texto. O sector valora moito que fóramos quen de achegarnos ao obxectivo dos 6.500 megavatios, algo no que o ministerio, e incluso Red Eléctrica, están xa de acordo. Ninguén pensaba que o fóramos a conseguir. Agora o tema é publicar a orde, dentro dun mes, a despois os operadores terán tres meses para presentar as súas propostas. E o que non queira, non hai problema, porque hai máis solicitudes que adxudicatarios. O que quedou claro é que o marco xurídico pono o Goberno e as empresas adáptanse.
-O decreto mantén o obxectivo de que a Xunta se quede cunha parte da torta. ¿Canto, dos 2.300 megavatios que sairán na orde?
-Sobre un 10%, que é o que estaba previsto dende un principio, e que é o que moitos operadores, que serán os que o teñen que ofertar, consideran razoable. O que queremos é estar aí, non só para recibir cartos, senón para que se nos escoite nun sector moi importante, como xa estamos noutros. Con esta regulación sairemos gañando todos: os concellos, que ademais por unha sentenza van recadar máis a través do IBI; as asociacións de montes, e unha vez a Xunta recade, os beneficiarios somos todos, porque o impacto paisaxístico soportámolo todos.
-¿Tocarase algo na orde para que os operadores actuais non perdan os dereitos sobre as áreas de investigación que reclaman?
-Iso xa está concretado no decreto. As zonas quedan abertas para o libre concurso. Falar de dereitos históricos aquí non é serio. Para aqueles operadores que aínda non esgotaron o seu plan eólico, sairán uns megavatios, e a partir de aí, as zonas, para todos.
-¿A participación pública será, daquela, decisiva á hora de repartir a potencia?
-Tamén será moi importante o proxecto industrial e tecnolóxico. Neste sentido, non todas as industrias queremos que estean relacionadas co sector. Pode haber proxectos moi importantes doutro tipo.
-En pleno debate mundial sobre nuclear ou renovables, Galicia aposta pola segunda vía. ¿O outro está totalmente descartado?
-Non ten sentido. Exportamos o 40% da electricidade, pese a ter un gran consumidor como Alcoa, e mantemos o obxectivo de que cando remate este plan, no 2012, o 95% da produción sexa renovable, algo que non poderá dicir ningún país do mundo. Con 3.000 horas de vento ao ano, os 6.500 megavatios de potencia en xeración serán equivalentes a dez nucleares. Non en rendemento, porque unha nuclear funciona 24 horas, pero está claro que a eólica non é unha enerxía complementaria. Polo tanto non teñen sentido apostas doutro tipo. Nin as propias empresas ven unha nuclear aquí. Quizás en Madrid, que produce o 5% da enerxía que consume, pero a ver quen a monta alí.
-¿E temos unha rede eléctrica suficientemente forte para tanta eólica?
-Co plan enerxético galego, o mallado vai ser exemplar. Ninguén no mundo vai ter unha rede así. E de feito xa se están dando resposta aos problemas nuns tempos récord. En Boimente caeu unha subestación, como ocorreu hai pouco en Cataluña, e non se lle foi a luz a ninguén. En Cataluña estiveron catro días sen luz.
-¿Qué futuro ten a iniciativa dun grupo chinés para instalar unha gran planta solar?
-Estamos traballando con eles, para ver se da tempo a facelo nos prazos que queren, por cuestións de tarifa. E estamos vendo tamén outros campos de actuacións. Pode ser interesante que monten unha planta, pero máis se tamén constrúen aquí os paneis, como plataforma para América Latina.