«Co cocido accesible darémoslle un respiro a moitas familias»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Trinta socios de Lugo e Pontevedra disfrutarán dos actos da feira

03 feb 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Unha das novidades da vindeira edición da Feira do Cocido de Lalín é a posta en marcha dun «Cocido Accesible». Máis de medio cento de persoas con discapacidade tomarán parte nalgún acto do evento gastronómico. A asociación Aspadeza levará unha trintena de asociados á Gala da Gastronomía, unha vintena de residentes de Geriatros tomarán parte tamén en actos do cocido e socios de Cogami participarán no programa do día grande da feira.

-¿Que opinión lle merece a posta en marcha deste Cocido Accesible?

-É unha boa iniciativa. Xa se prantexara en varias ocasións a posibilidade de facer algo de semellantes características pero non acabara de fructificar. Agora, gracias sobre todo á concelleira de Benestar Social, será unha realidade.

-No caso da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade apostan por un día enteiro de Cocido Accesible, ¿o propio día da feira?

-Contamos con que veñan trinta socios de Cogami de Lugo e Pontevedra e que estén todo o día en Lalín. Chegaremos ao concello ás dez da mañán para asistir ao acto da Encomenda do Cocido, posteriormente tomaremos un café no restaurante La Diligencia -convidados polo concello- e de seguido nos iremos á esquina da rúa Bos Aires para ver o desfile. Unha vez remate comeremos en La Diligencia e, pola tarde, iremos ata o Quilómetro 0, visitaremos a exposición no museo e pasaremos polos stands do campo da feira.

-Todo absolutamente planificado ao milímetro...

-Ao tratarse de persoas con necesidades especiais non pode ser doutro xeito. Está todo contemplado: que se instalen cadeiras na rúa Bos Aires para que os que o precisen se senten para ollar o desfile, que se instale unha carpa -se fose necesario- en caso de climatoloxía adversa e o Concello de Lalín tamén conta cun programa paralelo por se chovese e non puidéramos levar aos asociados ao campo da feira. O que se farían serían actividades centradas todas no interior do museo.

-¿Os socios de Lugo e Pontevedra veñen con familiares?

-Veñen sós. As familias con algunha persoa con discapacidade precisan dun respiro e os propios discapacitados tamén necesitan sair e non estar sempre coa familia. É pois unha boa oportunidade para uns e outros.

-¿Terá gañas de que se abra o centro de Medelo?

-Moito. En A Estrada estamos con 20 socios e en Silleda con 12. Non temos sitio para máis xente nin para máis actividades.