Freixanes califica a novela gañadora como «unha xoia sen requintamentos»
26 nov 2011 . Actualizado a las 06:00 h.O escritor Antonio Piñeiro recolleu onte na Estrada o premio correspondente á vixésimo terceira edición do certame de novela Manuel García Barros facendo unha chamada ás institucións para que «nun momento de tránsito ou incertidume como o que vive o libro actual» apoien a literatura. Comezou homenaxeando ó autor estradense que dá nome ó premio lendo un fragmento da obra Enredos referido á incertidume do paso por unha grota. Con esta alegoría coma pretexto, Piñeiro sinalou que «compre dar ese paso incerto para defender a literatura, que non é máis ca defender a intelixencia».
O autor, que acadou o premio coa novela As Fiandeiras, declarouse, coma os bos xastres, amante do traballo repousado. «Creo no esforzo e na excelencia e penso que é o único terreo polo que convén deambular na literatura», indicou.
Precedeulle na palabra o director de Galaxia, a editorial que acaba de publicar a obra gañadora. Víctor Freixanes loubou a novela de Piñeiro destacándoa como posuidora «da brevidade das xoias dos ourives que traballan sin exhibicionismos nin requintamentos innecesarios».
Freixanes confesou publicamente que leu o libro dúas veces «porque ó acabar a primeira quedei cunha confusión estimulante». O editor define a obra como unha historia de paixóns e sentementos cun punto de erotismo, «unha novela extraordinariamente feminina contada desde un punto de vista masculino». «Abre a suxestión e a provocación do lector e obriga a volver sobre o texto e, cando volves, ten máis forza cá primeira vez», explica.
O director de Xerais loubou tamén o traballo que o gañador do premio literario fai como editor. «Ten unha editorial artesanal, Bourel, que fai traballos no límite da obra de arte. Publica lentamente, tranquilamente, sabendo que iste é un oficio dos que aman estas cousas», explicou. Freixanes salientou que para Piñeiro a publicación de As Fiandeiras en Galaxia suporá dar un paso cualitativo na difusión da súa obra, saíndo «do territorio da excelencia do exquisito» e gañando proxección mediática. Freixanes lembrou que «non é posible comprender a narrativa galega contemporánea sen o premio García Barros, o Xerais e o Blanco Amor» e pediulle ó Concello estradense que continúe a apoialo. O alcalde, José López, pechou o acto compremeténdose a facelo.
«Desde aquí confirmo e reafirmo que seguiremos mantendo o premio»
José López
«Neste momento de incertidume compre defender o literario, que é defender a intelixencia»
Antonio Piñeiro
«A narrativa galega non se comprende sen o García Barros, o Blanco Amor e o Xerais»
Víctor Freixanes