Milán loa os zocos de Merza

Amelia Ferreiroa LALÍN/LA VOZ.

DEZA

A artesanía feita en Merza estivo, por vez primeira, exposta na feira de Milán que se celebrou do 4 ao 12 de decembro

19 dic 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

L' Artigiano in Fiera é a exposición máis grande do mundo adicada á artesanía. Celébrase en Milán, e nesta ocasión, acudiu por primeira vez a zoqueira cruceña Elena Ferro e a súa irmán Chicha. Unha experiencia que xa agardan poder repetir de cara ao próximo ano. «É unha feira enorme. Eramos 3.000 expositores polo que se precisa de cinco días para poder visitala. Dous pavillóns eran só de Italia e, de Galicia, acudimos dezaséis artesáns coa Fundación de Artesanía e Deseño de Galicia. Da zona estaba MaySil de A Estrada e nós», explicou Elena Ferro.

As artesáns cruceñas levaron a Milán un amplo abano dos traballos que elaboran no taller familiar de Merza. «Non podíamos ir sin zocos pero tamén amosamos artigos máis pequenos, que a verdade tiveron grande éxito. Había seis variedades de chaveiros, pulseiras, colares... E respecto dos zocos, á feira levamos os de sempre e logo outros abertos por detrás e tamén zocos de cores: de pel verde, natural, roxo e outros que son de pel de vaca pero que imitan a cebra coas súas raias. Estes últimos suscitaron a atención dos visitantes e un par deles viaxaron a Xapón. Unha moza xaponesa os probou e xa os mercou. Algunha persoa se sorprendía ao ver os zocos pero outros moitos visitantes non. No norte de Italia úsanse uns parecidos aos que nós facemos ».

O máis vendido, ao longo dos nove días que durou a feira, foron obxetos pequenos. «Foi a tónica xeral desta feira de Milán e de todas as feiras que se están a celebrar na actualidade. O visitante adquire pezas pequenas cun custe que vaia entre entre 10 e 20 euros. Non están os tempos para gastar grandes cantidades de diñeiro, e eso nótase en todos os sitios».

A boa acollida do produto elaborado en terras dezás en Milán e o excelente trato dispensado en dita feira anima a Elena Ferro «a pensar en preparar novas propostas para o ano que ven. Os stands eran fantásticos, a entrada á feira era de balde e á mañán había largas colas para acceder ao recinto. Os únicos inconvintes foron o frío que fixo e o horario de atención ao público que era moi amplo. Chegabamos ao recinto ás nove, abría media hora despois e non se pechaba ata as once da noite. Non se cerraba para comer. Pese a elo voltamos moi contentas», sentenciou Elena Ferro.

Atrás queda Milán e agora as vendas céntranse en vilas e localidades galegas. Hoxe toca Vilalba, para uns. «Estamos case sempre repartidos. Hai que estar na Feira do Capón de Vilalba, no «Feito a man» de Vigo, na Praza do Teucro de Pontevedra e nas citas feirais que se celebran dentro e fóra da comarca».